Cerponzóns, un tesouro que levades no corazón

27 de decembro 2024

Queridos nenos e nenas de Cerponzóns:

Escríbovos esta carta con moita ilusión e coa esperanza de que vos sintades orgullosos da vosa parroquia, porque sodes unha parte esencial dela, sodes o futuro dun lugar que garda máis de mil anos de historia e moitos tesouros que vos pertencen.  

Cerponzóns é un lugar único, cheo de patrimonio e cultura. Aquí tedes unha igrexa que data do século XII, testemuña do paso do tempo e da fe das xeracións que vos precederon. Tamén hai cruceiros, un miliario romano, unha fermosa ponte do século XVIII e un centro social onde podedes coñecer a historia da parroquia. Neste centro hai unha biblioteca e unha sala dedicada aos veciños que lograron grandes éxitos no deporte, que tamén forman parte do voso legado.  

A nosa parroquia tamén conta cun Leguario, da época de cando se construíu o Camiño Real, e tamén un monumento que honra ás vosas nais e avoas, mulleres cheas de forza e valentía. Ademais, temos un monólito que nos lembra os nosos orixes, cos nomes de antigos lugares da parroquia.  

Cerponzóns é historia viva: pequenas pontes, fontes, lavadoiros, restos de muíños, pombais, hórreos, ríos, montes… Cada recuncho agocha unha historia ou unha lenda, relatos que falan das xentes solidarias que aquí viviron ao longo dos séculos. Por iso, é tan importante coñecer e amar o noso patrimonio, porque é parte de quen somos.  

Non podemos esquecer unha das tradicións máis fermosas da parroquia: as "alfombras florais en Corpus". Algúns de vós xa participastes en facer esas verdadeiras obras de arte, cheas de cores e significados, que ano tras ano manteñen viva esta tradición.  

Ademais de todo o patrimonio histórico e cultural do que vos falaba antes, contamos tamén con lugares e actividades que fan de Cerponzóns un lugar cheo de vida e momentos inesquecibles.  

Temos un fermoso Campo de Fútbol, onde cada partido do noso equipo local é unha oportunidade para unirnos e animar con forza, porque o deporte tamén é unha parte importante da nosa comunidade.  

E por suposto, están tamén as festas populares que tanto nos gustan: o "Entroido",  coas súas máscaras e disfraces cheos de maxia e humor; o "Magosto", onde as castañas asadas e a música nos unen ao redor do lume; ou a "Festa da Espuma", unha das máis divertidas e refrescantes do ano. Todas estas actividades non serían posibles sen o traballo e a ilusión da directiva da "Asociación Cultural Chan do Monte", que sempre pensa en organizar eventos para que todos desfrutemos.  

Todas estas cousas fan de Cerponzóns un lugar especial e único, un lugar do que debedes sentirvos moi orgullosos. Quero que saibades que sodes unha parte moi importante deste lugar, e que o voso entusiasmo e participación axudan a manter vivas todas estas tradicións e actividades.  

Xa sei que moitos de vós escribistes unha carta aos Reis Magos. Eu tamén o fixen, e sabedes que lles pedín? Pedínlles que lles dean tempo aos vosos pais e nais para que vos leven a descubrir todos os recunchos e actividades da parroquia. Que ademáis vos conten as historias que viviron os vosos avós e bisavós, que paseedes polo Camiño Portugués, que vos conten a historia de Ponte Beán, en definitiva, que sintades o orgullo de pertencer a un lugar tan especial.  

O meu desexo para o 2025 é que vós, os nenos e nenas de Cerponzóns, medredes coñecendo e amando a vosa parroquia, para que sigades coidándoa e manténdoa viva para as xeracións que virán.  

 

Unha aperta moi grande para todos vós,  

Juanito o da Rons, neto do Roque.