Traballar para o inglés

02 de decembro 2024

Escoiteille ao meu pai, moitas veces, dicir "traballar para o inglés". Facía un ano que morrera Franco e a economía non ía ben. Dirixía a produción dos filamentos de wolframio nunha fábrica de bombillas en Iria (Padrón). Traballaban, levaban catro meses sen cobrar, sempre coa eterna promesa de "para a semana seguro que se cobra". Iso era "traballar para o inglés", traballar gratis. Contoume que a expresión esa de "traballar para o inglés" viña da Habana. Seica alí se usaba moito. Viña da tradición de cargar os barcos españois que logo podían ser atacados polos piratas ingleses que se quedaban coas mercadorías, así que o traballo era en balde, "para o inglés".

Quedara con Antón para tomar unha chiquita. Vexoo vir ao lonxe, trae cara de enfadado. Ven mirando para o chan, fungando. Ao chegar ao meu carón solta: "estou moi farto de traballar gratis". Pero que gratis traballas ti? — dígolle eu — Estás xubilado e, que eu saiba, ti non traballas noutra cousa. Traballar gratis traballaban na nosa mocidade os aprendices dos oficios, e os unha vez que acadaban a capacidade os mestres aínda os tiñan unha boa tempada traballando gratis, era a FP daquela. Gratis traballan moitos inmigrantes que por non ter papeis páganlle moito menos por hora, explotándoos, pero ti?. Cala —espetoume — ti es parvo ou comes caca de parrulo?, non falo diso, xa sei o que pasaba e o que pasa, falo doutra cousa. Puxen cara de non entendelo, contoume. Viña de tomar un café cun amigo. Foron a unha cafetería, ata aquí todo normal. Cando entran e sentan nunha mesa baleira unha camareira da barra dilles que teñen que pasar por alí antes a facer o pedido. Logo déronlle un trebello para que o levaran para a mesa e, cando soara, tiñan que erguerse e ir ata a barra a recoller o pedido e traelo á mesa nunha bandexa. Unha vez acabado, cando saían tiñan que levar a bandexa e deixala nun lugar disposto para iso. Como che queda o corpo? — díxome — o que fixemos foi traballar gratis, aforraron unha persoa, por riba o café non era bo e bastante máis caro que onde o tomo de costume, enténdelo agora?

Cando deixei a Antón, volvendo para a casa, fun pensando no que me contara. Pouco a pouco fun decatándome que nos usan como man de obra gratis. Fórono metendo pouco a pouco, e nós non o vimos vir. Traballamos gratis e as empresas fanse ricas co noso traballo. Lémbrome cando ía no Castromil a Santiago, o autobús levaba revisor. Foron desaparecendo aos poucos. Nas estacións de combustible sempre había unha persoa empregada que, a parte de preguntarche que tipo de combustible querías, introducía a mangueira no tubo do depósito do teu coche. Tamén, pouco a pouco van esmorecéndose, acabamos botando nós o combustible. As mans quédannos con cheiro a gasolina, ou gasoil, porque non damos atopado eses guantes que sempre aparecen ao final cando colgamos a mangueira. Cousa a parte son as leas que se fai moita xente coa tarxeta a hora de pagar.

Maquinando nisto pasei por diante dun banco, agora non hai caixas (só nos queda a Caixa Rural Galega). Cada vez cobran por máis cousas e teñen menos persoal. Porén teñen máis ganancias. Nós veña a traballarlle gratis, pagamos con tarxeta ou co móbil, si tes un problema hai que pedir cita. A conta ten que mirala "on line", dime o empregado, as multas, os impostos polo caixeiro. Si están a piques de arruinarse, nin se espeluxan, teñen aos parvos que pagan impostas que xa os salvarán, e logo si te vin nin me lembro. Eles veña a empetar co noso traballo gratis.

Onte fun a ver o grupo de teatro Chévere, nos actos do Cuturgal. Agora teatro e concertos hai que sacar a entrada por internet. Para os concertos teñen o famoso "algoritmo" que cada pouco vai subindo os prezos. O máis sanguento , por riba, é pagar os trámites de sacar a entrada, supón un incremento do prezo. Xa non hai despachos de billetes como había antes, agora "cobra a máquina" e perdemos o posto de traballo da persoa que estaba na billeteira.

Na administración, aínda que aumenten o número de funcionarios (cousa que non pasa na Xunta, que amortiza postos, non falemos xa da sanidade) cada vez son máis os trámites "on line". Todas as administracións teñen Sede Electrónica, o deseño da maioría en vez de facilitar o que fai é complicar as cousas. Xa non quedan persoas cas que falar. Complícanos polo descoñecemento de cousas como silencio administrativo, recurso de alzada, alegación, etc. cando o que facemos é un trámite. Seguimos no traballo gratis.

Os billetes de avión ou de tren. Os "check in". Pasar ti o código de barras polo lector cando mercas no súper, están introducindo pouco a pouco ata que que non quede persoal nas caixas e sexamos nós mesmos que faga o traballo. Hai outras cousas que facemos, ou que fan, que non nos parece traballo gratis, pero éo. Os seguidores, algúns con categoría de seareiros, dos "youtubers", "tik tokers" ou "instagramers" non fan outra cousa máis que traballar gratis. Damos información cando viaxamos e usamos o navegador do móbil, cando damos o código postal. Cando mercamos por internet facilitamos un montón de datos.

Xa me entra desasosego, non sigo. Canto traballamos, e nós sen sabelo. Sabemos que moitos postos de traballo desaparecen. Véndennos que pola nosa comodidade, pola rapidez, polo inmediato. Fóronnos convencendo que había que facer todo rápido (polo noso ben). Eu nunca pedín facer as cousas rápido, de hoxe para mañá, de onte para hoxe, para dentro de cinco minutos. Síntome como Sean Thornton (John Wayne) na película "O Home Tranquilo" que regresa a Innisfree, na súa Irlanda natal, de onde se fora de pequeno e acábase decatando que a vida alí non é tan idílica como agardaba. Doume conta que a vida que nos están programando tampouco é tan idílica, facemos máis ricas ás empresas, elimínanse postos de traballo, e nos seguimos traballando gratis, seguimos "traballando para o inglés".