Todos a Pasarón, vas a perdelo?

25 de maio 2015

Escribo esta columna aínda en terras de La Palma. Apenas hai unhas horas que o Pontevedra perdía no Silvestre Carrillo ante un Mensajero que non foi superior. Máis ben todo o contrario. Esas cousas que ten o fútbol (se se lle pode chamar fútbol a algo como o que se xoga sobre unha superficie inventada por algún inimigo deste deporte) levaron a un resultado complicado, fronte a un rival incómodo, pero que tivo o santo de cara.

O vento, a inoportuna lesión de Bruno que obrigou a retocar o equipo, un penalti clamoroso non sinalado por un bo árbitro, pero ao que lle faltou valor ou lle puido a presión nun momento clave como é a recta final dun partido así, xogado ante un público acendido e entregado aos seus.

E aquí precisamente é onde quería chegar. Ao apoio da afección. En La Palma encontramos unha acollida excelente, pero sobraron detalles que un cría desterrados deste mundiño.

Sobrou a mala educación de catro parvos, empeñados en acordarse da señora nai de todos nós con insistencia en cada lance do partido. Sobrou o recibimento e especialmente a despedida doutros catro parvos (sen descartar que fosen os mesmos), dedicada ao equipo granate, pero especialmente ao seu técnico Luisito. Sobrou a posta en escena (inexplicablemente consentida polo trío arbitral) por parte do equipo local (insultos incluídos), facendo saltar ao campo ao Pontevedra sen a habitual formación "fair-play" para que puidesen sentir a presión da bancada (cousa que por certo non conseguiron).

Pero moi especialmente sobrou a "cazarolada" coa que outros catro parvos (estes en grao supino, sen descartar tampouco que fosen os mesmos aludidos no parágrafo anterior) "obsequiaron" xogadores e técnicos do Pontevedra ás portas do hotel no que se aloxaban, buscando impedirlles o seu descanso na noite previa ao partido e que obrigou a requirir a presenza da policía.

Pois ben, todo iso unicamente debe servir para desterrar por completo calquera intento que non sexa exclusivamente animar ao Pontevedra dende a bancada, con absoluta deportividade, pero coa maior forza do mundo. Enchendo Pasarón. Facendo non que o Mensajero note a presión da nosa afección, senón que os xogadores granates sintan o seu apoio, o apoio de cantos máis mellor.

Hai un ano, ante o Puertollano, en Pasarón eramos 8.000. Esta vez esa cifra ten que quedar pequena. O gol que empate a eliminatoria marcarao a afección. O do ascenso farano os xogadores.

Créanme se lles digo que se pode. Respectando o rival. Sen entrar en nada máis que non sexa xogar ao fútbol. Calquera outra cousa favorecerá os intereses dun Mensajero que tratará de facer valer o seu gol de vantaxe, rompendo o ritmo, buscando a súa oportunidade. Pero o Pontevedra é mellor. Deberá demostralo sobre o campo, claro. E farao, non me queda dúbida.

Pode que pareza unha lixeireza, pero horas despois do partido, repasando o sucedido, cada vez estou máis convencido de que o Pontevedra vai saír deste profundo pozo da Terceira División. E vaino facer o próximo domingo. Coa túa axuda. Coa de todos. Nun Pasarón abarrotado. Como hai 31 anos ante o mesmo rival. Vas a perdelo?