18 de xullo 2023

Sentidiño deriva de "sentido". De todos os significados que a RAG lle dá á palabra "sentido", a cuarta refírese á capacidade mental para actuar de forma razoable e correcta. En suma, podemos considerar sentidiño como sinónimo de "sentido común", "bo criterio" ou "capacidade para xulgar e actuar correctamente".

 

O 23 de xullo temos a oportunidade de poñer en prácticaeste propósito, votando con "sentidiño". O problema é discernir o que será decidir con "sentido común ou bo criterio". Pois, case todas as alternativas políticas que se presentan lanzan mensaxes indicando que os seus programas son os máis sensatos.

 

Por iso creo que hai que tentar adoptar un pensamento libre e racional. O que implica cuestionar e valorar criticamente estes programas, sendo escépticos ante as mensaxes publicitarias que nos colonizan. En definitiva, manter a mente aberta e tomar decisións informadas, exercendo unha autonomía intelectual que esquive influencias dogmáticas e manipuladoras.

 

Por ese motivo vou presentar uns dilemas que nos permitan reflexionar e cuestionar algunhas posibilidades que aparecen en certos programas electorais:

 1. Sería votar con "sentidiño" escoller aquelas políticas que pretendan debilitar a protección social, reducir impostos aos máis ricos e reducir os dereitos laborais ante opcións que loitan por unha sociedade máis xusta, que buscan reducir a desigualdade e promover distribución da riqueza ?

2. Sería votar con "sentidiño" optar por aqueles partidos que negan a gravidade do cambio climático e se resisten a tomar medidas para combatelo, poñendo en perigo o noso planeta e ou das xeracións vindeiras, ou sería máis intelixente escolmar aqueles que están comprometidos coa protección do medio ambiente e a transición cara a enerxías limpas e sostibles ?

 

3. Sería votar con "sentidiño" elixir partidos que poidan representar un risco para os dereitos civís e sociais, especialmente en ámbitos como a igualdade de xénero, os dereitos das minorías ou a diversidade sexual, en lugar de decidirse por aquelas opcións políticas que defenden e amplían os dereitos de todas as persoas, independentemente da súa identidade ou condición ?

 

4. Sería votar con "sentidiño" preferir políticas que avoguen pola austeridade, que entrañan recortes en servizos públicos esenciais como a educación, a sanidade e a protección social ou é máis racional buscar alternativas que reforcen e amplíen os servizos públicos en beneficio de todos ?

 

5. Sería votar con "sentidiño" pronunciarse a favor dos partidos que promoven o discurso xenófobo e racista, culpando aos inmigrantes dos problemas sociais e económicos e xerando un clima de odio e hostilidade nas nosas comunidades, ou buscar propostas que se reafirmen fundamentalmente nos principios de igualdade, respecto e cohesión social ?

 

6. Sería votar con "sentidiño" buscar a maioría absoluta dun partido, co risco de concentración do poder en mans duns poucos ou quizais sexa máis sensato precisamente o contrario, forzar a necesidade de gobernos de coalición no que as distintas partes necesiten dialogar, negociar e chegar a acordos, evitando desta forma a toma de decisións unilateralmente polas maiorías?

 En definitiva, votar con sentido común, seguramente significa evitar os partidos que promoven a desigualdade, debilitan os dereitos laborais, negan o cambio climático, propoñen retrocesos nos dereitos civís e sociais e recortan servizos públicos. Indubidablemente é o momento de escoller opcións políticas que defendan a xustiza social, a igualdade, a protección do medio ambiente e a democracia. O noso voto ten o poder de impulsar cambios positivos e construír un futuro mellor para todos, así que elixe e vota con "sentidiño".