Sobre o Santiago sedente da mostra "Pontevedra no tempo"

Mateo Fontán Couto
07 de setembro 2024

Esta interesante exposición, adscrita ao proxecto "Cidades no tempo", está levada cara adiante por a Cidade da Cultura e a Fundacion, contando con Manuel Gago como comisario xeral e con Milagros Bará como asesora local. Divídese en cinco partes con máis dun cento de pezas expostas, entre físicas e dixitais, onde se repasa a historia da cidade dende o seu mito fundacional até a actualidade.

De entre os variados obxectos e obras que se amosan quérome referir nestas liñas a unha escultura gótica que recibe ao visitante ao pouco de comezar o traxecto expositivo. Trátase dun Santiago apóstolo sedente que regresa a Pontevedra dende o Museo Nacional de Arte de Cataluña, institución da que forma parte dos seus fondos malia que na actualidade non se atope na exposición permanente da mesma.

A escultura na mostra Pontevedra no tempoM.F.C

 

Descrición e estilo

A estatua, de notoria frontalidade, está esculpida en granito e aínda posúe restos de policromía, ten unhas dimensións (seguindo a cartela da mostra) de128 x 52 x 28 cm. O corpo revela unha peor labra e desproporción con respecto á cabeza. O apóstolo, sentado nunha cadeira, suxeita coa man dereita o filacterio anepigráfico de pergamiño estendido sobre o xeonllo dereito e coa man esquerda apóiase nun báculo en tau, propio dos prelados da época, que á súa vez vai decorado con dúas veneras. Viste manto que cubre o ombreiro e o xeonllo esquerdo; túnica de pregos verticais cinguida con cordón á cintura e decorada con outras dúas veneras, sobre ela observamos o detalle da correa cruzada dun zurrón invisible ao espectador. Santiago móstrase cos pés descalzos; o colo é alto; o rostro sereno insinúa o sorriso e a barba amosa rizos simétricos; o cabelo, partido no medio, cae en bucles acaroados.

Xosé Filgueira Valverde, na revista El Museo de Pontevedra, atribuíu a feitura desta obra á esfera do Mestre Mateo, sinalando unha posible derivación dos prototipos composteláns que teñen na imaxe do altar maior da catedral de Santiago e na do parteluz do Pórtico da Gloria os seus máis recoñecidos expoñentes. Xosé Carlos Valle apunta que tanto a barba coma o cabelo da nosa escultura poden levar a pensar nesa influencia "mateana", por isto as primeiras datacións cronolóxicas nas que se encadrou esta obra falan de finais do século XII ou comezos do XIII. Mais este mesmo investigador encargouse de atrasar a súa realización até o século XIV (ca. 1330-1340), atendendo ao tratamento das roupaxes. Tamén Carlos Valle, con respecto á factura deste Santiago sedente, indica que estaría vinculada ao "estilo ourensano", xa na súa fase de disolución. Por outra banda, Teresa Moure Pena anotou unha converxencia do estilo ourensán e das novas correntes estilísticas, derivadas de obras castelás cun alto grado de calidade, para esta escultura do gótico galego.

Idas e voltas

Por último anotamos que esta imaxe do Santiago sedente saíu dende o MNAC para participar de diferentes mostras, tales como a afamada "Galicia no Tempo", de 1991. En 1993 viaxou até Santo Domingo de la Calzada para a exposición "Vida y peregrinaje en la España medieval", e tamén en 1999 foi exposta no Museo de Belas Artes da Coruña para a exposición "Lo Jacobeo. La leyenda dorada. Museos y colecciones". Agora podemos admirala na Pontevedra que a viu partir xa hai tantos anos, non perdades a ocasión!

Santiago sedenteMuseu Nacional d´Art de Catalunya, Barcelona (2024)

Orixe e avatares

No tocante á procedencia desta imaxe sedente Filgueira Valverde escribiu que se tiña por recollida na antiga capela pontevedresa de Santiago do Burgo, aínda que matiza que se gardara moito tempo na casa da familia Álvarez-Gimenez xunto con outras tallas procedentes do derruído templo de San Bartolomeu o Vello. A advocación da capela do Burgo á beira de certos testemuños literarios legados polo P. Sarmiento, o P. Amoedo Carballo e Xoán Manuel Pintos, relacionando á escultura cunha perdida tradición estudantil e coas xentes do barrio, acabou por decantar a balanza sobre a súa orixe a favor da capela desaparecida. De feito así o seguiron constatando especialistas como Carlos Valle, quen realizou a ficha da peza no catálogoGalicia no Tempo e un artigo para Nodales. E a pesar das dúbidas que estes autores manterían sobre a certeza da súa procedencia, na actualidade continúa a crenza xeneralizada de que esta representación do apóstolo proviña daquel templo, e mesmo así consta nos arquivos do MNAC.

No entanto a investigadora Teresa Moure, xa tamén nomeada anteriormente, acabou por demostrar nun traballo na revista Aunios que a escultura gótica fora adquirida nunha poxa pública en 1842, celebrada coas pezas saídas tras o derrubamento da igrexa de San Bartolomeu. De feito, dun contrato datado en 1553 derívase que a imaxe foi ideada para presidir o altar da capela de san Nicolás até que se adecuou ao novo retablo por un tal mestre Miguel, entallador compostelán. A documentación que se conserva, manexada por esta autora, revela que co tempo a escultura sería depositada por Francisco Riestra Calderón na Sociedad Arqueológica de Pontevedra, trasladándose ás ruínas de San Domingos o 19 de decembro de 1927. Ao respecto posuímos testemuños fotográficos, da autoría do estudo de Mon y Novás, que nola amosan alí exposta.

No ano 1935 o noso Santiago apóstolo sedente mudaríase até Barcelona, ingresando na Junta de Museos, unha institución histórica cuxo fondo acabou por pasar ao fondo municipal da cidade e posteriormente ao Museo de Arte Moderno, hoxe MNAC. A peza entraría como depósito de Damià Mateu i Bisa, un industrial e político catalán amante da arqueoloxía e as antigüidades.

Como curiosidade cabe anotar algúns paralelos desta escultura, como o baleirado en xeso que dela se fixo e estivo moitos anos exposto no Museo de Pontevedra, recibindo a quen penetraba no edificio García Flórez da institución. A prensa cóntanos que en 1945, e ante os traballos de reconstrución da capela dedicada a Santiago apóstolo sita nas inmediacións das Torres do Oeste (Catoira), o Sr. Menéndez Pidal encargou unha imaxe a un escultor santiagués residente en Asturias. A obra resultou ser unha réplica do Santiago sedente gótico que sería policromada polo lembrado artista galego Francisco Asorey. No filacterio lese: Missit me Dominus (O Señor envioume). Tamén poderiamos sinalar que na igrexa parroquial de Santiago, en Ribadavia, existe un Santiago sedente de gran parecido ao que nos estamos referindo.

Réplica do Santiago na capela das Torres do OesteCedida por Maribel Iglesias

Idas e voltas

Por último anotamos que esta imaxe do Santiago sedente saíu dende o MNAC para participar de diferentes mostras, tales como a afamada "Galicia no Tempo", de 1991. En 1993 viaxou até Santo Domingo de la Calzada para a exposición "Vida y peregrinaje en la España medieval", e tamén en 1999 foi exposta no Museo de Belas Artes da Coruña para a exposición "Lo Jacobeo. La leyenda dorada. Museos y colecciones". Agora podemos admirala na Pontevedra que a viu partir xa hai tantos anos, non perdades a ocasión!

Catálogo da mostra 'Galicia no Tempo'M.F.C.

Mateo Fontán Couto