Resposta da APDR ás declaracións do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda

02 de setembro 2021

Sr. Rueda,

Vimos de ler as súas recentes declaracións sobre a situación de ENCE-Pontevedra e témoslle que dicir que resulta insultante ver o nivel de simpleza e os despropósitos que é quen de verter alguén que ocupa un lugar privilexiado no goberno autonómico co único obxectivo de protexer a unha empresa ilegal coa que o Goberno da Xunta, e Vde. mesmo, manteñen relacións de dependencia!

Afirma Vde. que o emprazamento no que ten que estar ENCE é onde esta agora, é dicir en Lourizán e en terreos de dominio público marítimo-terrestre, emprazamento que, por Lei, está expresamente prohibido para esta empresa!

Resulta insultante, repetimos, o absoluto desprezo que polo cumprimento da legalidade encerran estas declaracións! É así como entende Vde. a aplicación da Lei? É este o criterio que preside todas as súas actuacións como Vicepresidente da Xunta? Ou só actúa Vde. así con quen -é o caso de ENCE- mantén relacións de amizade ou mesmo de dependencia servil?

En calquera caso, resulta dunha gravidade extrema observar que estamos gobernados por quen pretenden facer crer á cidadanía que a situación actual de ENCE é consecuencia do “capricho dunhas administracións que, de repente, deciden que ENCE non pode seguir onde está”. E resulta dunha ousadía ilimitada que se atreva a acusar ao Concello de Pontevedra e o Goberno do Estado de ter creado o problema de ENCE cando o único que fan é defender o cumprimento da Lei! E mesmo esíxelles a busca dunha solución que só a empresa ten a responsabilidade de buscar! Permítanos que lle digamos que, se realmente cre que as súas afirmacións responden á realidade, é Vde. un gobernante mediocre e un auténtico indocumentado pero, de non pensar así, sería Vde. un manipulador inaceptábel!

Porque debería saber Vde., como sabe calquera que se teña preocupado por informarse, que no ano 1988, déuselle a ENCE un prazo de 30 anos para buscar unha alternativa á permanencia en Lourizán, emprazamento que debería abandonar -por esixencias legais, non por capricho de ninguén- chegado o 2018; e ten que saber tamén que foi o seu Presidente Sr. Rajoy quen -desta volta si que por capricho ou por inconfesábeis razóns!- tentou manter á empresa, de forma ilegal, en dominio público marítimo-terrestre transgredindo o artigo 32 da Lei de Costas do PP e concedéndolle unha prórroga que vén de ser anulada pola Audiencia Nacional e que -á espera de que a sentencia sexa firme- vai supoñer o fin da permanencia de ENCE en Lourizán!

E di Vde. que “a Xunta non ten alternativa”! Pero, como vai ter alternativa se neste asunto, como en moitos outros, quen toma as decisións da Xunta é a empresa?

Como en tantas ocasións, a Xunta de Galicia (e Vde. mesmo) limitouse a representar o papel de portavoz empresarial! Como noutras ocasións, continúan Vdes. permitindo que ENCE incumpra a lexislación ambiental, un incumprimento que mesmo se atreve Vde. agora a esixir publicamente cando reivindica a súa permanencia en Lourizán!

Sr. Rueda, nin Vde. merece ocupar un cargo público como o que hoxe ocupa, nin a sociedade galega merece ter como gobernante a alguén que nos ten acostumados a utilizar o amiguismo e a ilegalidade como norma de funcionamento! 

 

En Pontevedra, a 1 de setembro de 2021
Asinado: Antón Masa, presidente da APDR