A miña nai, como outras moitas naquela época, aínda zurcía os calcetíns cunha cabaciña e aínda recordo por estas datas as saborosas chulas que facía das cabazas.
Unha das máis gratas alegrías que levou foi cando, alá polos oitenta, recuperouse a Feira das Cabazas na praza da Verdura e iamos con ela a mercalas.
As vendedoras, unhas velliñas entrañables, viñan das parroquias veciñas e poñían a mercadoría co moito agarimo nos bancos de pedra á beira das catalpas que daquela daban sombra á Praza e eran refuxio dos estorniños do mesmo xeito que o magnolio da Casa do Arco.
Recordo con nostalxia a unha velliña que viña de Campañó que se asemellaba a Mamasunción da película de Chano Piñeiro, co cabelo branco como flocos de neve peiteado nun moño colocando con moito mimo.
Coma se fosen amorodos as cabaciñas pequenas estaban no seu mandil e as máis grandes no chan. Tiña a cara chea de engurras, como surcos de terra labrada, sempre co sorriso nos beizos.
Aquelas velliñas alí sentadiñas coa súa mercadoría parecían modelos pousando para unha fotografía de Ruth Matilda Anderson.
Despois dun tempo a Feira esmoreceu e deixou de celebrarse, ata que no dous mil, co renacemento da cultura na cidade da man de Luis Bará, colleu novos alentos esta vez na Praza de Curros Enríquez á beira da fonte de Sesmeros e con moito éxito de xente. Ata que, outra vez, sen saber o motivo, deixou de celebrarse.
É unha mágoa non tratar de recuperala pois non deberiamos perder o patrimonio que nos deixaron os nosos devanceiros e deixar no esquecemento unha actividade que xerou noutra época tanta riqueza como foi a Feira das Cabazas e Apeiros da Labranza.
Celebrábase cada vinte cinco de marzo, cando chega o cuco ao río dos Gafos traendo a primavera con el, na rúa da Virxe do Camiño onde se atopaba a igrexa no que agora é Praza de Compostela.
Sería boa idea, agora que remodelaron a Rúa da Virxe do Camiño e o Gorgullón, paso continuo de peregrinos camiño de Compostela, recuperar a Feira das Cabazas e darlle vida e actividade a un barrio que renaceu coa remodelación.
Agora que é unha rúa peonil penso que hai espazo para recuperar para o barrio unha feira que xa tivo hai moitos anos e unha da de máis fama de Galicia, onde os peregrinos e visitantes puidesen parar a comprar as cabazas que son o símbolo dos peregrinos.
Tamén sería bo colocar unha placa onde outrora atopábase a derrubada Iglesia da Virxe do Camiño para cando o tempo nos deixe sen memoria non dar ao esquecemento parte da nosa historia.