José Sancho Feijóo naceu en Salcedo en 1881, persoa polifacética nas cuestións dos negocios.

O seu matrimonio con Isabel Pérez Quevedo achégao definitivamente a Marín pese a que nese intre traballaba na Lonxa.

En 1913 adquire, xunto co seu cuñado Luís, a explotación da Lonxa. Eran anos de esplendor, foi elixido Presidente do Casino, formou parte do Consello dos Exploradores, propietario dunha fábrica de xeos, sub-axente de seguros...mais o pobo de Marín iniciou unha longa batalla para que a Lonxa pasara a dominio público.

"Pin" perdeu, mais seguiu integrado na vida social ocupando cargos nos entes de lecer desde o Casino até a sociedade de Caza.

Pese a súa posición social, tiña unha ideoloxía claramente republicana, cofundador da Federación Republicana Galega, pasando despois a Esquerda Republicana.

Co estoupido da Guerra en 1936, foi xulgado en Consello de Guerra, publicándose requisitoria contra el polo delito de rebelión en abril de 1937.

Foi encarcerado en San Simón, nun informe da alcaldía de Marín afirmaba que días antes do golpe de estado denunciara a uns falanxistas por facer pintadas na súa fábrica.

En 1941 conmutáronlle a pena orixinal pola de catro anos de prisión menor.

Faleceu en Marín o 12 de novembro de 1963.