Os Chichisos na Residencia de Campolongo

07 de novembro 2022

Na noite dos Calacús e no dia dos Defuntos onde nos vemos todos nos cemiterios na visita aos nosos seres queridos, cando imos mudar as flores de plástico, que por comodidade temos todo o ano por flores frescas e lumieiras, de cando a Praza da Ferreria semella un mar de crisantemos, tempo de castañas, cogomelos e magostos. Pero non estivemos todos, un fato de homes e mulleres armados con bombos, gaitas e outros instrumentos musicais e un fardel cheo de agarimo, solidaridade e alegria coñecidos como OS CHICHISOS asaltaron a Residencia de Maiores de Campolongo para ir facer compaña aos nosos vellos e velliñas que non poideron ir ao cemiterio xunto aos seus seres queridos .De súpeto, aqueles homes e mulleres cambiaron a tristura por alegria musica e festa rachada, contan algúns presentes que por un dia aqueles intrusos foron quen de facer felices e esquecer a rutina e soidade dos nosos maiores.

Pero quen son estes tolos e tolas coñecidos por Os Chichisos?, que de un xeito totalmente altruista, sen pedir nada a cambio, foron quen de no seu tempo de lecer pensar que ao cemiterio tiñan todo o ano para ir e que era máis doado ir levar un pouco de alegria e tenrura a quen máis o necesitaban: os nosos maiores, ali soiños na residencia sen aloumiños, e ali foron e armarona boa bailando e cantando, e vella troula e festa rachada ata que o corpo aguantou.

Seica esta banda xa tiña antecedentes, pois un dia tamen ocurreuselles rescatar do esquecemento un tradicion moi nosa como son os Cantares dos Reis, e alá foron cantar polas parroquias de Pontevedra e Vilaboa e xa chegaron a cidade, tamén foron os que propiciaron as xornadas de baile agarrado, cursos de Ataruxo, obradoiros de fabricación de instrumentos vexetais, obradoiros de cantigas de berce, a linguaxe das campàs, e moitas actividade todas relacionadas coa recuperación e divulgación de nosas tradicións máis populares que na maioria dos casos estaban no esquecemento. Está visto que a esta xentiña a cabeza non lles para pois tamén todos os anos polas festas sen temor a seres excomungados acompañan ao Diaño nas súas falcatruadas coa súa música asustando as crianzas polas rúas da cidade .

Eu non sei se estarán tolos ou non, polo pronto non poñades a man no lume por eles, pero eu que son un romántico, penso que aínda que a solidaridade, a xenerosidade e facer cousas sen ánimo de lucro non están de moda; creo que esta xente é merecedora de todo o noso recoñecemento e ben merecen un premio Cidade de Pontevedra. Aí o deixo, e que deus nos colla confesados o día que teñan que ir recoller o premio ao Principal... a que ian armar!