No Morrazo, eólicos non

03 de decembro 2021

O Morrazo é unha península pequena densamente poboada e cunha costa moi urbanizada. Dunha beira a outra, dunha ría a outra, tan só hai sete quilómetros de distancia. Con todo, aínda conservamos no centro da comarca uns montes cheos de vida e con lugares espectaculares.

Nos Montes do Morrazo nacen os ríos e a auga que enche as traídas das casas. De Gagán a Hermelo, temos carballeiras, das poucas que xa quedan, brañas, breixeiras, bosques de ribeira e ríos con fervenzas. Temos un patrimonio arqueolóxico que para sí quixeran moitos: mámoas, petróglifos, capelas... Os cabalos, os nosos cabalos galegos, andan ceibos como non o fan noutras partes de Europa. Hai flora e fauna endémica, aves e morcegos ameazados, que debemos conservar.

Temos nos montes no Morrazo un enorme potencial que nos deu a natureza e non sabemos aproveitar.

Porén, todo isto hoxe está ameazado, unha vez máis, por un proxecto "pantasma" de parque eólico que pretende desfacer todo isto e transformalo nun enorme deserto habitado por aeroxeradores de 200 metros de altura.

Imaxinade o impacto visual dunhas moles tres veces máis altas que a catedral de Santiago de Compostela, serán visíbeis desde as rías de Pontevedra e Vigo, desde as serras do Barbanza e o Salnés e desde o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Non podemos permitir que a cobiza, as ansias de cartos e negocio duns poucos, estraguen o máis fermoso que temos na nosa comarca. E todo por encher os petos insensíbeis dunha gran empresa especuladora que pretende mercar vontades repartindo uns poucos patacos entre catro.

Pensemos que vai pasar coa Pastoriza.

Sabe a veciñanza o que lles pode vir enriba? Esta aldea pode acordar un día rodeada dun valado de muíños de 200 metros. Vai ser a nova aldea de Asterix e Obelix cercada por “mamotretos” que fan ruído de día e de noite e o movemento das aspas vai provocar o efecto “discoteca” (o parpadeo de sombras das aspas en movemento sobre as casas) impedindo levar unha vida normal e podendo ter consecuencias na saúde.

Non saben que van quedar cercados dentro dunha "poligonal" que vai cambiar a cualificación do solo, pasando a rústico de protección de infraestruturas onde a empresa eólica vai ter prevalencia no uso do chan. É dicir, calquera cousa que un particular queira facer nos seus terreos terá que pasar primeiro polo ditame da empresa.

E con todo isto é fácil sacar como conclusión o que xa se está dando noutras zonas de Galiza afectadas por esta peste, a perda de valor das propiedades situadas cabo dos eólicos. Diminúe o valor das casas e dos terreos, calcúlase que nun 30%. Quen vai mercar unha casa ou unha parcela á beira dun parque eólico? Quen está disposto a soportar ruídos e aspas en movemento como se estiveses nunha discoteca?

E todo isto tamén vai pasar preto de outras aldeas do Morrazo. Cela, Ardán, Broullón..., van ter a pouca distancia estes bechos e tamén van sofrer as consecuencias.

No Morrazo eólicos Non.

Pese ao escurantismo e o xeito clandestino en que se está levando adiante este “descoñecido” proxecto de parque eólico, con conversas privadas entre a empresa ACS con particulares e algunhas comunidades de montes, o Morrazo estase movendo e xa se constituíu a Plataforma Eólicos No Morrazo Non.

Con participantes dos cinco concellos do Morrazo (Marín, Bueu, Cangas, Moaña e Vilaboa), con particulares e asociacións, e coa presenza da Mancomunidade de Comunidades de Montes do Morrazo, que rexeitaron publicamente o proxecto.

Con todo, aínda estamos esperando que se pronuncien o PP e o PSOE de Marín. Con quen están? Cos que queren facer negocio ou coa veciñanza do Morrazo e a defensa dos nosos montes? Xa sabemos que algún concelleiro do PP de Marín fixo de padriño desta operación e que xa mantiveron contactos “informais” coa empresa.

Estamos sós ante o poder económico e o poder político, só nós queda a mobilización social para parar esta desfeita. Temos que poñerllo difícil, imposíbel, a estes especuladores que veñen chuchar os nosos recursos naturais para levar os beneficios fóra coa inestimábel complicidade e colaboración do Partido Popular poñendo a Xunta de Galiza ao servizo de intereses espurios.

 

Pedro M. Cortegoso Gago

Participante na Plataforma Eólicos nos Montes do Morrazo Non

Arquivado en