No adeus a Amancio Castro, compañeiro e amigo

17 de novembro 2023

Vén de nos deixar Amancio Castro González, mestre de profesión e vocación e amante da Natureza por convicción... por necesidade, atrévome a dicir; porque Amancio tiña no estudo, no goce e na defensa do medio natural boa parte das súas inquedanzas.

Como profesional do ensino, foi quen de transmitir ao seu alumnado, desde as aulas pero máis que nada, no propio entorno natural, o amor pola Natureza, ese amor que era quen de comunicar cando falaba das herbas de San Xoán, dos cogomelos ou da máis humilde herba da nosa contorna. E facíao tamén, de forma maxistral, coa axuda doutra das súas paixóns, a fotografía, coa que nos deu a coñecer as árbores da nosa vila e multitude de aspectos do noso medio ambiente natural.

Pero, máis alá desta faceta de “naturista” que vimos de subliñar, Amancio foi un activista na defensa do medio, un activista que sentiu a necesidade de se organizar e aportar esforzos e coñecementos naqueles colectivos cidadáns que tiñan na loita pola defensa da natureza o seu obxectivo.

Socio da “Asociación Pola Defensa da Ría” desde os anos 90, a súa participación en cantas actividades fomos organizando, foi unha constante, e moitas das fotografías que figuran nos nosos arquivos (e nas nosas publicacións) levan o seu selo de autor. Con todo, e sen deixar a súa militancia na APDR, desenvolveu o seu activismo no seo da Asociación “Vaipolorío”, no que xogou sempre un importante papel.

Vainos custar tempo acostumarnos a non contar coa súa presenza en canto roteiro houber, nas Marchas contra a Celulosa, nas manifestacións, nos actos públicos culturais, nas asembleas...

Pero, con seguridade, vainos custar máis acostumarnos á perda da súa amizade, porque Amancio foi sempre, e sobre todo, un amigo.

 

Antón Masa, presidente da APDR.
Pontevedra, 17 de novembro de 2023