Nemesio Martín Montejo "Neme" e o "bastón da discordia"

21 de outubro 2022

Vaia aniño que levamos! Os granates volvemos estar de loito e vémonos forzados a despedir un mito, unha lenda do histórico Pontevedra, CF do "Hai Que Roelo". Se a comezos da primavera íasenos o "Gran Capitán" e Presidente de Honra, o inesquecible "Cholo", este pasado xoves recibiamos a triste noticia de que Nemesio Martín Montejo "Neme", o primeiro e, polo momento, único xogador que alcanzou a internacionalidade absoluta mentres vestía a camiseta do club de Pasarón, subía ao "terceiro anfiteatro" deixándonos o recordo do seu bo fútbol, pero sobre todo, aos que tivemos a sorte de coñecelo persoalmente, da súa bonhomía e agarimo polo Pontevedra e por Pontevedra.

Pouco podo dicir xa que non se dixo e escrito a estas alturas. Que se a súa chegada e ascenso a Primeira, as súas cinco tempadas na máxima categoría, sendo máximo goleador histórico granate na División de Honra, que se o seu gol en Barcelona, que significou a única vitoria no Camp Nou (9 de outubro de 1966) sobre os azulgrana, que se é o terceiro máximo realizador de todos os tempos do cadro granate, só superado por Pablo Couto e por Charles, que a súa bitola de internacional (8 de decembro de 1965, no Bernabeu, nun amigable fronte a Inglaterra), ata a súa chegada como adestrador na tempada 1985/86.

E de ésto é precisamente do que quero falar, a modo de homenaxe a quen me ensinou non só fútbol, senón unha forma de ser nobre e sincera, de home que che dicía as cousas á cara, sempre con respecto e educación.

Porque Neme era así. Baixo unha aparencia seria escondía unha persoa cuxa amizade excedía alegría con cuantos o tratamos. Nesa tempada, complicada como poucas, compartimos viaxes, hoteis, adestramentos e partidos, cada un na súa faceta, el de adestrador e eu de narrador da actualidade granate por media España.

Foi duro para el. Acababa de chegar á presidencia do club Luís Emilio Batallán, con Julio Pedrosa como vicepresidente. Co ascenso como obxectivo, o listón púxose moi alto, sobre todo tendo en conta que a Federación decidira unha profunda reestruturación da Segunda B, que pasaría de ter 2 grupos a un só de 22 equipos, obrigando a quedar entre os 7 primeiros para lograr a permanencia (13 descensos). Fichouse a Fernando Núñez, que viña do Alavés, tras pasar por Primeira División no Murcia, e pretendido por equipos de superior categoría. Xunto a el chegaron Kubala, Compains, Herráez e Miguel Soro. Como técnico contábase con Fernando Castro Santos, pero ao convocarse con atraso os exames para conseguir o título de adestrador nacional, o de Lourido non chegou a tempo (logo quedaría no Atlético Pontevedrés para terminar facéndose cargo do primeiro equipo), e chamouse a Neme, co respaldo principal do vicepresidente Pedrosa.

Desde o principio, o bo de Neme foi utilizado como arma arreboladiza das rifas dunha directiva dividida e unha situación económica que empezaba a complicarse. Non axudou a temperá e vergoñosa eliminación da Copa do Rei a mans do Lalín, despois de gañar na capital do Deza por un contundente 0-3, para ver como en Pasarón perdíase contra todo prognóstico por 1-4.

Nin conseguir a goleada máis avultada da súa longa andaina en Segunda B (8-1 ao Binéfar), serviu para que Neme sentise o respaldo total dunha directiva presionada pola autoexigencia do ascenso. Ata que, tras unha derrota en Pasarón, a comezos de 1986, deu paso ao "esperpento" (que non sería o último da tempada).

A Xunta directiva reuníase os luns e Batallán tomara a decisión de cesar a Neme como adestrador. O vicepresidente Julio Pedrosa, íntimo amigo do salmantino e máximo valedor do entón técnico, acudiu á reunión disposto a impedilo, e fíxoo a golpe de bastonazos, deixando marcas que aínda perduran na mesa de xuntas. Batallán recuou, abandonando o club asustado. Julio Pedrosa conseguiu momentaneamente o seu obxectivo, e o escándalo chegou aos principais programas deportivos nacionais, cunha entrevista esperpéntica do mítico José María García, no seu programa da medianoite, un domingo, ao regreso de xogar en Andorra, que foi escoitada por todo o equipo e técnico na habitación de quen ésto escribe nun hotel de Lleida.

Con "retranca", na revista "Pontevedra Deportiva", que entón se distribuía de forma gratuíta en Pasarón antes de cada partido, a redacción de deportes de Radio Pontevedra que por entón a editabamos, publicamos a foto do famoso bastón de Pedrosa, apoiada no escudo do Pontevedra que entón existía na sede do club na rúa Benito Corbal, e que podedes ver na imaxe que acompaño a este artigo, cunhas palabras que, recorrendo á metáfora, definían a Neme: "a forza magnética dun simple anaco de madeira que perdía a súa cabeza, desfeita en mil pedazos en prol da cabeza dun home honrado que o día de San Eulogio pretendía ser xulgado e lanzado aos leóns".

Á parte de contar unha historia da que ata o de agora nunca escribira, Neme non se merecía iso, nin como persoa, nin como lenda granate. Aquel escándalo afectoulle e, aínda que tentou disimulalo, penso que non lle deixou facer o seu labor da maneira que a el lle gustaría. E a pesar diso nunca lle escoitei unha mala palabra nin lle vin un mal xesto. Nin sequera cando a directiva, xa sen a forza nin novos bastonazos, nun intento desesperado de evitar o descenso, cesouno na xornada 29.

Logo viría o intento de compra do partido de Santiago, onde o presidente do Compostela, José María Caneda, gravou a conversación con Batallán, conversación que foi emitida integramente en Radio Pontevedra, o que converte ao Pontevedra en triste e vergoñosa actualidade en todos os medios nacionais. Consúmase o descenso, ao quedar clasificado en novena posición, aínda que a posterior repesca nos despachos, aproveitándose dos descensos administrativos por falta de pagamento aos xogadores de Alavés e Palencia, permite integrarse no grupo único de Segunda B. Pero esa é outra historia.

Nunca máis puiden falar con el do sucedido naqueles convulsos meses. Non coincidimos, desgraciadamente, e lamento esa conversación pendente. Que eu saiba, nunca ninguén do club pediulle perdón polo que pasou, antes, durante e despois desa tempada escasa como adestrador. Por iso hoxe, despois de tanto tempo, me atrevó a pedir (cónstame que están niso) que o Pontevedra renda a homenaxe que merece o que posiblemente fose (con permiso de Martín Esperanza) o mellor xogador da historia granate.