29 de outubro 2022

O 26 de maio de 2019 celebráronse as últimas eleccións municipais en Marín, nas que destacaron a contundente representatividade acadada polo PP e por outro lado a falla de concelleiros na que quedaron os máis de 1800 veciños que votaron outras opcións políticas, dos que 1500 o fixeron a organizacións que podemos clasificar sen lugar a dúbidas de progresistas e galeguistas.

Na miña opinión persoal, un dos factores a ter en conta na vitoria dos populares tivo que ver coas continuas crises dos partidos da oposición. Ningún partido con profundas leas internas pode ser unha alternativa de goberno, velaí a primeira lección que se debe aprender.

Só comparando os votos do ano 2015 cos de 2019 pódese visualizar ademais como houbo, a parte, un tránsito de voto desde opcións progresistas ás filas do PP. Para moitas persoas só había unha alternativa de voto nas municipais do 2019, o PP.

Certo é que o goberno de María Ramallo non se destaca por grandes obras, se comparamos a súa xestión de cambios de 'look' coas grandes transformacións que realizan outros concellos. Razóns da súa vitoria son varias, mais hai unha que é evidente: o PP gañou máis por demérito da oposición que por méritos propios.