O 16 de xaneiro de 2016 publiquei a miña primeira Lectura desde O Alcouce, falando da novela A noite enriba de Diego Ameixeiras. Desde entón foron setenta os textos publicados, aínda que non sempre coa constancia que debería.
Para min facer as recensións é un exercicio divertido, que me serve para tempo despois lembrar como me sentou un libro. Aínda que o certo é que en xeral me cohibo, e practicamente envío só recensións de textos que me gustan. Cústame falar dun libro que non me causou boa impresión, aínda que por malo que sexa sempre acaba por deixar unha pequena pegada positiva. De todas as lecturas saco algo bo.
En moitas ocasións, ao mesmo tempo que fago a recensión para Pontevedra Viva redacto o artigo enciclopédico sobre a obra para a Wikipedia. Gústame moito facer este exercicio de escribir sobre o mesmo tema en dous niveis: un máis subxectivo e libre, e outro cinguíndome a formatos, criterios e referencias.
Cando comecei propúxenme ir alternando obras de diversos sistemas literarios e de diversas épocas. Moitas veces a crítica literaria está en certo modo especializada, xa sexa en novidades editoriais ou por exemplo só en obras de literatura galega. Foime inevitable deixarme levar polos meus gustos literarios, por iso a maioría das obras son de narrativa do século XX. Gustoume tamén falar de algún ensaio ou biografías. O tema da poesía xa me custa máis, ao igual ca a banda deseñada. Outro propósito de emenda é en relación ás persoas que escriben. Propúxenme ler a metade de obras escritas por mulleres e a metade por homes, pero tamén aí fracasei por mor dos meus gustos persoais.
Máis alá de libros, atrevinme tamén a falar de fenómenos literarios, de viaxes, filmes e aventuras, así como de casas-museo ou librarías. Na miña casa, no Alcouce, teño un listado de obras pendentes para facer recensións. Amais este 2018 promete traer novidades interesantes. Tamén farei algunha lectura de María Victoria Moreno, claro.
Por moitas lecturas!