Lecturas desde O Alcouce: 'A noite enriba'

16 de enero 2016
Actualizada: 18 de junio 2024

A noite enriba é a nova obra de Diego Ameixeiras. É un thriller negro coas características propias do xénero, como a ambientación urbana ou a presenza da violencia cotiá, mais leva a cabo unha transgresión do xénero máis clásico. Neste sentido, acada de novo un estilo propio, que veu desen­volvendo nas súas cinco últimas novelas e que en certo modo iniciara xa en Dime algo sucio (2009).

Palm Springs commercial photography

© Edicións Xerais

A novela comeza con varios fíos argumentais que se van trenzando para construír unha corda fixa e estable. En base a retallos que semellan tomados de aquí e de alá sen conexión ningunha, acaba por tecer unha trama con fortes conexións entre os personaxes. A este respecto, a psicoloxía de cada personaxe está ben trazada, destacando entre eles o escritor ilusionado e atormentado, con certas características autobiográficas.

Como pano de fondo, a propia literatura. A homenaxe aos mestres, á novela negra estadounidense de mediados do século XX, leva a unha reflexión sobre o propio papel do autor a través da reivindi­cación do esquecido David Goodis. E xunto coa literatura, o cinema e a música, de grande impor­tancia na obra de Ameixeiras, desde os Nick Cave e The Homens que escoitaba Porter na novela O cidadán do més, aos Sonic Youth presentes en Asasinato no Consello Nacional, pasando  pola can­ción "Dos besugos" de Sr. Chinarro que dá nome a Tres segundos de memoria.

Como se dixo, hai unha forte presenza do ambiente urbano. É unha obra marcada polos espazos actuais de Oregón (de novo, trasunto literario de Ourense) e Filadelfia. En canto ao tempo, a trama é absolutamente contemporánea, pero tamén hai interesantes analepses á Barcelona macarra da década de 1980, na que non poden faltar atracos a golpe de pistola e motíns na prisión Modelo. Ben interesantes son tamén as referencias ao mundo da Editorial Bruguera e ao xénero da novela barata, destinada a un mercado popular e escrita case como nunha cadea de montaxe.

Palm Springs commercial photography

GFDL Adrián Estévez Iglesias

 

Respecto a outras obras do autor, esta novela gaña en xiros inesperados, cun final ben logrado e im­previsible. Gaña tamén en verosimilitude, o cal é de agradecer. Nun tempo en que é sinxelo visitar calquera cidade do mundo co Google Street View, dá xenio imaxinar as rúas da cidade máis poboa­da de Pensilvania sabendo que as referencias están aí.

A obra gaña tamén no coidado da lingua. Aos diálogos cinematográficos únese unha fermosa des­crición poética de escenas banais, como un narcotraficante afiando unha culler ou unha filla adoles­cente preparándolle a cea a súa nai para lle pedir un favor. A noite enriba é unha novela para gozar, que engancha e invita a manter a tensión até o final, pero na que tamén presta reler de novo unha pasaxe ou deterse a saborear unha ácida resposta.

A noite enriba (Edicións Xerais, 2015)
152 páxinas. ISBN: 9788499149363