Lecturas desde O Alcouce: 'Nazario'

27 de xaneiro 2018
Actualizado: 18 de xuño 2024

La Barcelona de los años 70 vista por Nazario y sus amigosi> ten un título diáfano abondo: é unha obra coral, con textos de diversas persoas acompañados de numerosas fotografías e ilustracións.

La Barcelona de los años 70 vista por Nazario y sus amigos ten un título diáfano abondo: é unha obra coral, con textos de diversas persoas acompañados de numerosas fotografías e ilustracións.

A figura de Nazario é importante para comprender a contracultura da cidade de Barcelona na década de 1970. É un dos pais do cómic underground en España, e un dos autores máis destacados do cómig gay do mundo xunto co alemán Ralf König e o finlandés Tom. De Nazario é o personaxe de Anarcoma, que enlaza a Barcelona máis canalla do barrio chino (do cal xa falamos coa Antología poética) coa Barcelona negra que máis tarde darían a coñecer Andreu Martín e Vázquez Montalbán.

A carón de Nazario estaba un bo grupo de amigos: desde Ocaña, o gran pintor tamén andaluz, ao deseñador Javier Mariscal pasando por músicos como Jaume Sisa e Pau Ribas e un sinfín de artistas multidisciplinares, activistas, amizades e demais actores e partícipes dun momento e un lugar.

A Barcelona de 1970 era un lugar de recepción masiva de emigrantes. Este foi o caso de Nazario, que chegou a Barcelona desde a provincia de Sevilla, pero non á procura de traballo (era mestre), senón á procura de liberdade. A pegada da emigración andaluza en Barcelona deixou pegada na rumba, pero non só. E o feito de ser unha cidade portuaria e curtida na tradición do anarquismo desde comezos do século XX deu pé a un caldo de cultivo dun activismo que conxugaba a creatividade artística coa defensa da liberdade. A morte de Salvador Puig-Antich, a primeira manifestación do día do orgullo, as manifestacións de SEAT, festivais musicais ou as xornadas libertarias do Parc de la Ciutadella son eventos históricos, e no libro aparecen contados de primeira man polas persoas que os viviron.

Amais dos textos dos propios autores, hai tamén artigos de publicacións como Ajo Blanco, Interviú, Por Qué, La Vanguardia, Star ou Ying-Yang entre outras. Entre as ilustracións hai fotografías persoais, carteis de actos, panfletos, viñetas de cómic, cadros e un sinfín de formatos que serven de complemento necesario.

A raíz deste libro boteille man a outros artefactos: na facultade de Belas Artes de Pontevedra podes consultar o documental de Ventura Pons Ocaña (1978) e o catálogo da exposición retrospectiva que sobre o pintor se fixo en Barcelona en 2010 e en Gasteiz en 2011. Na Biblioteca Nodal está dispoñible o volume San Nazario y las Pirañas Incorruptas, a obra completa de Nazario entre 1970 e 1980. E na librería Paz teñen Anarcoma, a obra gráfica completa arredor deste personaxe, nunha edición moi ben presentada a cargo de La Cúpula, do ano 2017.