Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Antología poética del barrio chino'
Antología poética del barrio chino é unha escolma de 141 poemas, publicada en 1949 da man do editor Francisco Forner. A compilación foi levada a cabo por Abel Iniesta, autor do prólogo e das notas a pé.
Barcelona ten unha gran tradición como espazo literario (sirva de exemplo Sin noticias de Gurb de Eduardo Mendoza). En 2015 a Unesco designouna como unha das cidades literarias do mundo, e son numerosas as obras que se desenvolven nas súas rúas. E dentro dela é El Raval un dos barrios con maior riqueza e variedade cultural.
A mediados do século XIX foron numerosas as industrias que se instalaron na zona. Amais, a súa proximidade á zona portuaria, concretamente na zona dos estaleiros, levou á concentración no barrio de numerosos prostíbulos. A poboación do barrio estaba marcada pola pobreza e a marxinalidade até ben avanzado o século XX. Mais esta realidade non impedía o desenvolvemento dunha actividade cultural, moi presente na zona desde o século XVI, cando o rei Filipe II concedeu ao Hospital de la Santa Creu o privilexio de construír un teatro para se sufragar.
O barrio resulta clave para entender o período azul da obra de Picasso, na súa última etapa en Barcelona. En 1925 o xornalista Paco Madrid deulle a El Raval a denominación de «Barrio Chino» nunha serie de reportaxes sobre o barrio que publicou na revista El Escándalo. Este sobrenome axiña tivo unha grande aceptación. Xa na década de 1940 foi neste barrio onde naceu a rumba catalá, e de aquí eran os escritores Terenci Moix, Vázquez Montalbán ou Maruja Torres.
O conxunto de 141 poemas é do máis variado. Resulta representativo que o primeiro sexa un fandanguillo anónimo, pois varias das pezas son de compositores musicais, como Pedro Luis de Gálvez -de quen se inclúe unha peza dunha zarzuela- ou Rafael de León. Existe unha gran diversidade lingüística: amais do catalán e castelán, hai tamén obras en francés, portugués (de António Botto), inglés ou italiano, e conta cunha cita introdutoria en alemán de Goethe.
Aparecen autores ben coñecidos como Charles Baudelaire, Paul Éluard, o dadaísta Tristan Tzara, Alfred de Musset, o simbolista Paul Verlaine, François Villon (coa súa coñecida "Ballade des pendus", Balada dos aforcados), Ibn Said al-Maghribi (poeta andalusí do século XIII), Stephen Spender (quen combatiu coas Brigadas Internacionais e traduciu ao inglés a Miguel Hernández), Jacint Verdaguer, Pedro Salinas ou Rubén Darío. Se ben a gran maioría son homes, as mulleres aparecen representadas da man da uruguaia Delmira Agustini, a barceloní de orixe xenovesa Ester de Andreis, a francesa Renée de Brimont, a andaluza Regina Lamo Jiménez (baixo o pseudónimo de Nora Avante) ou a italiana Ada Negri, amais das locais Concepción Canal, Carmen Laura, Pilar de Plasencia, Marina de Castarlenas e Nadia Sokolova.
O volume, de 194 páxinas encadernadas en tapa dura, conta con 5 láminas en branco e negro de José Amat, J. Bellmunt, Emilio Bosch-Roger e Juan Gil. Fíxose unha edición limitada de trescentos exemplares numerados, cen deles en papel de fío e outros douscentos en papel alfa alisado.
Sería interesante realizar unha escolma de poemas galegos de temática tabernaria. Terían acollida, por exemplo, o poema "Navy Bar" de Manuel Antonio (De catro a catro, 1928), "Taberna" de Amado Carballo (Proel, 1927) ou "Tabernas" de Darío Xohán Cabana (Romanceiro da Terra Chá, 1973), amais de textos de Roberto Vidal Bolaño ou Sabino Torres, quen nos falou do barrio chinés de Pontevedra, A Moureira, na crónica As tres columnas.