Humanízate, humanízame

09 de novembro 2023

É facer algo humano, máis familiar ou afable. Iso é humanizar segundo o dicionario. Entendese mellor cando se contrapón ó seu antónimo, o contrario, des-humanizar: privar da condición propia dos homes, da familia ou da relación cordial.

Nesta tarefa anda o Partido Popular en Marín. Tentando humanizar o que xa está, deseu, humanizado. Tiveron noticias diso neste mesmo medio: "Axuda provincial para a redacción do proxecto de humanización de Serafín Tubío e Augusto Miranda.., para a HUMANIZACIÓNde 3,350 metros cadrados cun investimento- previsto – de 679,889,51 euros".

Para moitos veciños parece unha proposta sorprendente, non tanto polo relevante investimento, como pola oportunidade do mesmo. Podería pensar calquera visitante ou turista que as rúas Serafín Tubío e Augusto Miranda son un extensión da Finca de Briz, chea de sotos, e arboredas ou mesmo de regatos e corredoiras. Podería pensar algún exótico paseante que o entorno do Mercado Municipal é máis unha salvaxe e frondosa selva tropical chea de toxos e bestas tal; que resulte imperioso e obrigatorio, re-humanizalas por non sei se terceira, cuarta ou quinta vez nestes derradeiros 35 anos.

Polo contra os veciños de Marín, e do Cantodarea en particular, témola sorte que os espazos de lecer colectivos, públicos, accesibles e humanizados son tantos e de tanta cualidade que non é preciso humanizalos por primeira vez e, moito menos, re-humanizalos por segunda, terceira ou cuarta vez. Para que me entendan. Que máis podemos pedir e merecer como veciños se na nosa linde municipal un dos escasos espazos públicos que existen si compite de "ti a ti" ca Selva Amazónica, Tropical ou cos sotos do Xures.

Se lles gusta pasear e ver paisaxes e persoas "deshumanizadas" vaia pola antiga Nacional 550, en dirección a Pontevedra, e cando chegue o limiar do noso concello, pare, descabalgue do seu carro e mire un auténtico espazo salvaxe, deshumanizado,... visitado por veciños que o Partido Popular considera que non deberían ser "humanizados".

Un derradeiro aviso: non se adentren nese parque de luxuriosa vexetación; poderían ser atacados ou mordidos pola praga de deshumanizadas ratas e outro bicherio de peor caste que converteron o Antigo e non nato Mercadillo Municipal do Cantodarea nunha especie de Jurassic - Park. Coidado cos dinosaurios. É territorio comanche, en serio.