Estiven en La Palma. Saín de alí convencido de que o ascenso estaba ao alcance do Pontevedra, que chegara a nosa hora por fin! de deixar atrás a Terceira División. Como case todos, saín sete días despois de Pasarón entre cabreado, decepcionado e indignado. Un club capaz de meter 12.000 afeccionados nun partido desta categoría está claro que ten que saír de inmediato dese pozo, aínda que pareza que a algúns dos que mandan non lles guste e sigan pasando históricas "facturas".
Estiven tamén en Manzanares. Como eses 120 valentes de alma e corazón granate, vivín unha nova decepción, tamén mesturada con cabreo. Non digo eu que teñan que favorecernos, pero polo menos é moito pedir que deixen de fodernos con "erros" graves en momentos decisivos e sempre en contra? A pesar diso, tamén regresei coa sensación de que o Pontevedra pode e debe remontar, en circunstancias normais.
Vin aos granates, sempre co máximo respecto ao rival, máis equipo que o Manzanares. Claro que tamén o vira máis equipo que o Mensajero e xa viron vostedes como nos foi.
Pero do que non hai dúbida en ambos os dous casos é de que a vitoria na bancada foi dos nosos e por ampla goleada. O Pontevedra non ten unha afección, ten un LUXO DE AFECCIÓN que para si quixesen a maioría de equipos de Segunda B, Segunda A e ata algúns de Primeira.
Entendo a desilusión dalgúns. Entendo mesmo o cabreo doutros. Acepto as opinións daqueles que piden autocrítica cara aos erros cometidos, que os houbo dende principios de tempada, e seguramente abundantes, pero vostedes cren que imos conseguir agora, precisamente agora cando máis nos necesita o noso equipo, algo positivo con sacalos a paseo?.
Diranme que hai que saber competir e que o Pontevedra non soubo facelo. Pode que teñan razón en parte. Diranme tamén que o fútbol exhibido non é para tirar foguetes. Seguro que tamén teñen razón. Pero eu preguntaríaos e os nosos rivais xogaron mellor? Non esquezamos que isto é Terceira División. Non esperemos pois ver fútbol de Primeira. O noso equipo é noso, estea na categoría na que estea e por iso, por ser "noso" sempre será o mellor, ou polo menos ao único que de verdade queremos.
Chegados a este punto non esquezamos que nos queda un partido (e espero que outra e definitiva eliminatoria) para deixar atrás un pesadelo que xa dura catro anos. De nós depende en boa parte que o consigamos.
Nada máis lonxe de pretender dicirlle a ninguén o que debe ou non facer, pero eu polo menos teño claro que o noso sitio este sábado está ao lado do equipo, porque este partido só podemos gañalo dende a unidade. Tempo haberá logo para críticas, se son necesarias.
Temos unha cita en Pasarón, aínda que sexa sábado, aínda que a TVG nos volvese tratar como un "equipillo" menor malia a audiencia obtida. Nada diso importa. O único que conta é que SOMOS GRANATES ou non? e iso é un selo de calidade, pero sobre todo unha garantía de que o noso equipo, como o Liverpool "nunca camiñará só".