Asistín ao acto da inauguración da exposición de Eusebio Rivero no Museo Municipal Manuel Torres en Marín. O acto ía encadrado no nomeamento de Eusebio Rivero como Artista Marinense do Ano 2025.
Eusebio Rivero non chega aquí espido, ven cunha maleta cargada de ensinanzas, aprendizaxes, experiencias e amizades que acaban moldeando a súa creatividade. Fixo Belas Artes na Facultade de Salamanca, doutorado na Facultade de Pontevedra. Alumno de Basilio Martín Patino. José Luis Cuerda incorpórao a paixón do cine. Aprendeu con Óscar Manesi, Premio Nacional de Gravado e con Antonio Gayo e as súas litografías. Contrastou con Leonel Mora, Alfredo Jarr, Modest Cuixart, e moitos máis, ideas e vidas. As súas obras tiveron premios, realizou varias exposicións tanto colectivas como individuais.

Nada máis entrar na exposición entrégannos un catálogo de deseño exquisito. Textos e imaxes coidadas dentro dunha composición moi traballada. A tapa e contratapa do catálogo é unha radiografía panorámica dunha dentadura, mal coidada, hai empastes e caries, faltan moas e dentes. Ao collelo escoito persoas falar, case dicían o mesmo: "esa radiografía podía ser da miña boca". Aquí comeza a exposición, co catálogo. Comeza o conflito. Boa dentadura "versus" caos dental e, co tempo, dor. Entramos. O espazo para este tipo de exposición é cativo, merecía espazos máis abertos , máis diáfanos, conflito espacial. Eusebio Rivero é formador. Na formación quere a participación do alumnado. Na exposición quere a participación de todos nós. Non vale con que mirar a imaxe ao lonxe, ou de preto, e dicir está ben, gústame. A obra pide que reflexionemos, que nos metamos dentro, que nos soltemos.
Traballa con refugallos. Sabemos da súa teima de xuntar cousas antigas. O seu gusto polas bicicletas antigas. A súa paixón polos escaravellos Volkswagen. Mais os refugallos míraos con ollos de artista. Non lle vale calquera refugallo, cando o mira ten que colocalo no seu maxín, poder darlle vida de novo. Refugallo visto con ollos, esculcadores, de artista que ve no obxecto a súa inmortalidade.
Vense unhas paredes, uns restos dunha vivenda. Síntolle dicir a un neno: "aquí houbo unha guerra". O neno ve un conflito. Miras máis, entras na casa ves como son as paredes, as cores que usan, os azulexados. Acabas vendo á xente que a habitaba. Vese dentro como nas casas rurais dos Países Baixos, non hai intimidade, tampouco hai nada que agochar. Desafiuzamento. Dereito a vivenda digna. En estadas de obra están os obxectos recuperados. Billas, cepillos, lámpadas, interruptores, selos e outras pezas. En cada obxecto un personaxe dálle sentido e potencia para a súa inmortalidade. Ao mesmo tempo xera conflito. O difícil é andar entre herbas de ferro, como poder ir pola vida?. A muller no gume da navalla barbeira, a violencia contra as mulleres, sempre no fío. O home saíndo do tinteiro, enfrontándose ao mundo por ser quen é, a diversidade. A lata de conservas, de apertura de chave xiratoria, cunha morea de xente no seu interior. Xogar a vida para mellorar. É un camiño a liberdade ou un barco de escravos? Ningunha persoa é ilegal. Ao longo da exposición vemos situacións que poden causar terrexío, ou grima, creando unha sensación desagradable entre o arrepío e o noxo da realidade que nos queren impor os medios e redes manipuladoras. Eusebio Rivero móstranos moitas da situacións coas que convivimos cada día que co noso aparvamento xa as tomamos como normais cando o que nos debería causar é conflito. As desigualdades, a violencia machista, o rexeitamento do contrario, o individualismo, o acabar ca sanidade e educación pública, as loiadas, as espionaxes e os controis das persoas están aí, está exposición propón espertar, pegar puñada na mesa e meterse no conflito.
Na época na que moitos se cren "artistas" non todo é arte. Hai moito de Pinterest que acaba pensando que se fai un cadro abstracto, ou unha escultura con catro paus que atopamos na praia, en cinco minutos. A arte é moito máis. A arte fai pensar. Esta exposición é arte e Eusebio Rivero dálle inmortalidade a refugallos.Xesús Constenla, prologuista do catálogo, conta que Eusebio Rivero lle dixo: "Cando me poño ao choio só penso no que pode dicir ese grupo de obxectos que quero asociar. O refugallo ten moitas e variadas lecturas". Á fin os poderosos trátanos como refugallos, queren que sexamos refugallos da humanidade. Eusebio Rivero creou unha nova categoría artística: "o refugallismo inmortal". Ide vela.