Carta e berrinche dun parado de longa duración: unha vez máis predicando no deserto

01 de decembro 2024

Estamos ante o esperpento de que os mesmos empresarios que presionan para que un teña que xubilarse máis tarde, sexan os mesmos que non contratan ós maiores de cincuenta anos. Pero claro, se o perfil que buscan son xente de trinta anos con máis de quince de experiencia creo que están nun grave problema a non ser que teñan en mente ó Londres de Charles Dickens e a nenos de quince anos traballando nas factorías. Piden e piden experiencia, pero se non me dan unha oportunidade, qué fago?, vou o super e merco un kilo de experiencia?

Eu acabo de cumplir esos 50 anos o mes pasado. Pero xa fai tempo que son invisible para o mercado laboral, de feito só teño cotizados apenas dous anos. E non é debido a que non busque emprego, de feito soliciteino de todo, incluso fixen un curso de loxística de almacéns para ser máis empleable como mozo de almacén, pero nen aínda así. Entreguei múltiples solicitudes durante tódolo ano e sobre todo en tempada de Nadal cando os centros comerciais amplían a súa plantilla temporalmente de repoñedores e mozos de almacén: nunca conseguín nada. Solicitei emprego coma profesor en centros privados e nunca me respostaron, e o mesmo éxito o tiven na prensa local. Dende o SEPE, o vello INEM, dinme que no meu curriculum non mencione o meu paso pola Universidade, xa que os empresarios iso bótaos para atrás: cres que se sabes moito vas crear problemas na empresa. Eu, loxicamente, non lles fago caso.

O edadismo é un dos maiores problemas no mercado laboral español, unha auténtica fenda, moitísimo mellor constatada que outro tipo de fendas que teñen o seu día, as súas manifestacións e os seus observatorios. Non hai inversión algunha estatal para combati-lo edadismo, un factor de discriminación, e é un tipo de discriminación totalmente invisible. Non lle importamos a ninguén.

Cando fai uns anos, cando podía viaxar que agora non podo pola lesión do oído que padezo (lesión operable, non me canso de dicir), pensei facer unha viaxe por Centroeuropa e acudín á Seguridade Social para que me fixeran unha tarxeta sanitaria europea. Alí sufrín unha das meirandes humillacións da miña vida. Unha engreída funcionaria colleu a miña tarxeta sanitaria, como se foran detritus, e pregúntame se con aquela tarxeta me atendían no SERGAS, eu lle digo que sí. Entón ela sóltame un "pois non deberían, xa que estiveches os últimos anos sen facer nada". Eu quedei conxelado, debín decirlle moitas cousas nas cales só pensei a posteriori. Debín decirlle que en España a atención sanitaria ten (por agora) carácter universal para os cidadáns. Debín decirlle que durante aqueles anos nos cales "non fixera nada", traballara en realidade para a administración, como ela, só que máis preparado, o dobre de eficiente, o triple de educado cos usuarios, pero cobrando a metade. É dicir: era bolseiro. Durante ese período de bolsa non pagaran por min a seguridade social, por certo, asinara unha bolsa de catro anos e só estivera dous cando por unha decisión política decidiron trocalas bases da bolsa e aplicarmas con carácter retroactivo, algo de dubidosa legalidade, e iso fixérono na administración provincial en tempos da presidencia de quen agora amenaza con ser presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF). O resultado foi que antes tiña tarxeta propia e agora son co-usuario da dos meus pais.

Neste panorama laboral tan tráxico, sen cotización, pregúntome pola función do SEPE, o antiguo INEM, convertido nunha oficina de estudios estadísticos usada para beneficio do goberno de turno para maquilla-la a súa falla de xestión en beneficio dos non-traballadores (e non me refiro ós Borbóns). Ó SEPE non chegan ofertas de traballo dos empresarios, xa que cada empresa ten o seu departamento de recursos humáns, eses departamentos que están fartos de receber solicitudes miñas que tiran de xeito reiterado á papeleira. Eu opino que dende o Estado deberían fortalecer o papel do SEPE como axencia de colocación e sanciona-los departamentos de recursos humáns que promovan o edadismo. Dende o Estado deben facer que non existan parados de longa duración, coma min, e garantizar que sexan contratados en perfís afíns. Enviar a solicitude ás empresas como parado de longa duración, e se non me contratan por un período mínimo, multalas. Así rematarían cos parados de longa duración. Se o Estado non é quen de facer isto, por min que desapareza. Creo nun Estado protector, pero si ese Estado protector non existe, convértome en anarquista e proclamo a súa desaparición inmediata.

Tamén estou bastante disconforme co papel dos sindicatos en relación cos parados de longa duración, semella que viven en tempos de Charles Dickens, do traballador explotado cando hoxe ter traballo é un privilexio. Defenden ó traballador, pero… quén defende ó non-traballador?. Cando loitan por blinda-lo traballo de quen traballa, fan que a lacra do paro sexa patrimonio sempre dos mesmos en vez de rotarse. Non se dan conta disto?.

Cousas que cos nosos pais eran a norma, como ter traballo, casa, un coche, parella, familia, hoxe é un privilexio duns poucos. Non sei cándo pasou isto, pero por favor "papito Estado", solucione isto, ou disólvase dunha vez.

Aproveito para "venderme" un pouco: individuo de 50 anos, licenciado en Historia (de sobresalientes e Matrículas de Honor), Diploma de Estudios Avanzados en Historia Antiga e doutorando nesta mesma disciplina busca desesperadamente traballo. Son moi imaxinativo e traballo ben en equipo menos cando me dou de conta que o resto da xente limita a miña productividade (entón traballo mellor só), teño unhas grandes dotes organizativas, son serio, con iniciativa, proactivo e eficiente e, sobre todo, traballaría por menos do que está pensando, así estou de necesitado. Levo anos entregando curricula nas librarías pontevedresas, xa que me gustan os libros, pero nunca me chamaron. Ola… Ola… hai alguén aí?!