Ata o próximo viño, Senito

18 de novembro 2023

Custoume escribirche, querido amigo Senito. Aínda non dixerín a noticia da túa marcha inesperada e tan rápida. Unha chamada espertábame á primeira hora do martes e aínda hoxe ecoan nos meus oídos esas palabras anunciándome que te ías. Crin estar a soñar. Pensei que tiña que ser un pesadelo e que o espertador soaría para afastar un mal soño.

Pero non. Decidiras deixarnos e irte con ese estilo elegante que sempre foi o teu selo. En silencio. Sen molestar. Gozando da vida e dos teus ata o último instante.

Somos lexión os que che botaremos de menos, pero tamén sabemos que seguirás vivindo na nosa mente, porque deixaches pegada sabendo conquistar a amizade de todos os que tivemos a fortuna de coñecerte.

San Bartolomeu quedou pequena para albergar á multitude de amigos que queriamos dicirche adeus. Amigos, e tamén exalumnos ou compañeiros de fatigas, que che vimos partir con bágoas nos ollos, nunha tarde de puro inverno, mentres trasladabamos o noso apoio aos teus fillos, María, Alejandro e Julia, que dentro da dor sen dúbida sentirían o consolo de recoller o moito agarimo que ao longo da túa vida gañáches merecidamente.

Non me despido senón que che digo "ata o próximo viño". Porque a partir de agora, cada vez que pise A Navarra, buscareiche entre os fregueses, sabendo que alí estarás, co teu eterno sorriso, co teu xesto amable, coa túa conversación culta, amigable e sempre interesante, para alzar as nosas copas e seguir brindando pola vida, pola amizade que me regalaches, pola túa bonhomía, polo teu exemplo.

Eu non tiven a sorte de coñecerte de preto ata hai uns anos, e iso que me perdín, pero o tempo e os momentos que puiden compartir contigo, gozar da túa amizade, bastaron para darme unha enorme lección de vida e pensar que merece a pena estar neste mundo pola única razón de compartilo con persoas como ti.

Fúcheste sen case dicir adios, pero aínda que nos doia e botémosche de menos, entendémolo, á fin e ao cabo alá arriba estábanche esperando desde fai un pouco máis de tres anos...pero tampouco facía falta que tiveses tanta présa, condenado.