As ventosidades das vacas e a intelixencia artificial

19 de xuño 2023

Algunha que outra vez escoitamos que unha parte importante dos gases que provocan o quecemento do planeta veñen das ventosidades das vacas. Mesmo en prensa que podíamos considerar "seria" veñen estas afirmacións. Os ruminantes, que van dende as vacas ata as cabras pasando por ovellas, bisontes, búfalos, gacelas, ñus, camelos, cervos, renos, xirafas, impalas e outros máis, emiten metano. Din que os ruminantes emiten este gas non polas ventosidades, que vai nos peidos. Mais non, non é certo, emíteno polos eructos.

Os moi brutos cando ven nos documentais das televisións a matanza dos bisontes das pradeiras americanas ou os ñus azuis que son comidos polos crocodilos cando atravesan o río Mara na gran migración do Serengueti, acaban pensando que a natureza é sabia e iso é bo para o cambio climático. Falso. Durante milleiros de anos houbo ruminantes e nunca foron un problema ambiental. Porén debemos ter en conta que dende finais do século XX ata hoxe, debido aos cambios alimenticios baseados na carne, a poboación de bovinos, segundo a FAO, multiplicouse 80 converténdose nun problema ambiental.

Aínda así e todo o problema dos eructos dos bovinos non supón un grave problema dentro do quecemento global. O Panel Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático, coas siglas IPCC (Intergovernmental Panel on Climate Change), que foi creado en 1998 a iniciativa do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) para facilitar avaliacións integrais do estado dos coñecementos científicos, técnicos e socioeconómicos sobre o cambio climático, as súas causas, posibles repercusións e estratexias de resposta nos seus informes explican que a contribución da gandería ao quecemento global é do 10% e só a metade é atribuíbel ás vacas. A agricultura globalmente colabora cun 25%. As vacas só teñen culpa do 5%.

O problema do metano é que é un gas con efecto invernadoiro moi potente. Este gas próducese de moitos xeitos, tanto naturais como artificiais. Mais o que ten preocupados aos científicos que colaboran nestes programas é a cantidade de gas metano que hai almacenado no fondo dos océanos e no permafrost (a capa do solo permanentemente conxelado nas rexións moi frías do planeta). Durante centos, ou miles de anos o permafrost acumulou grandes reservas de carbono orgánico. Co quecemento global aumenta a temperatura do mar e redúcense as zonas conxeladas liberando á atmosfera dióxido de carbono e metano que pode incrementar o efecto invernadoiro.

A sociedade terá que planearse un novo tipo de agricultura. Menos fertilizantes e menos carne. Isto dá para outro artigo.

Chegados aquí parece que o escrito non ten moito que ver co título. Ten, e moito. Primeiro quería explicar o que acontecía co animal de referencia en Galicia e, que a min me pagou a carreira: a vaca. No referente a Intelixencia Artificial (IA) fíxome pensar cando no mes de marzo Elon Musk (Twitter, Tesla ou SpaceX) e Steve Wozniak (cofundador de Apple) asinaron un manifesto para frear a IA alomenos seis meses. Eu con esta xente non son ben pensado, que lle vou facer. Teñen o diñeiro por condena. Vía algo raro. Pero o que me sorprendeu foi que dixeran: "os sistemas de IA deberían desenvolverse cando esteamos seguros de que os efectos serán positivos e os riscos asumibles".

Como sempre déuseme por remexer e buscar información ao respecto. Esta xente non se caracteriza por ser transparente. As redes sociais das que son propietarios difunden discursos de odio e abunda a desinformación. Nas redes hai moita información, o problema e seleccionar. Eu vou a fontes que penso fiables e logo contrasto. Así souben que fan falta cantidades inmensas de recursos naturais para desenvolver esta tecnoloxía. Vexo que Open AI, que desenvolve o ChatGPT gastou 1.300.000 kWh para entrenar o modelo lingüístico. Tamén necesitan moita auga para refrixerar os centros de datos. Greenpeace xa alertaba fai dez anos do incremento do consumo de enerxía (Make IT Green: Cloud Computing and its Contribution to Climate Change).A revista Nature fala pouca información de datos de consumo que pensan poden cuadriplicarse (http://nature.com/articles/s41545-021-00101-w)

O máis pavero de todo é que a mellor información estaba na casa. Vexo, nun xornal de gran tirarada, un artigo na que fala dun equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade de A Coruña, que busca algoritmos que non destrúan o planeta. Descubro a unha científica, Verónica Bolón, que dirixe un equipo que son oito persoas (catro homes e con catro mulleres) e fala da importancia dos algoritmos verdes, no que eles traballan. O seu equipo conseguiu executar algoritmos, sen perder precisión nos resultados con só 16 bits (bit=unidade mínima de información) en vez dos 64 que son os máis usados. Aforrando enerxía. Ela fala que tanto dende o punto de vista ético como de sustentabilidade fai falla unha regulación e que nesta regulación debe incluírse o consumo de enerxía.

A Coruña foi escollida polo Goberno como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. Aquí os algoritmos verdes serán unha liña de traballo e está incluído no Plan Nacional de Algoritmos Verdes. Cando repaso o que acabo de escribir venme á cabeza cando eu me dedicaba á investigación en horticultura, cantos recortes, cantas voltas, canta burocracia. Vendo o que fai este equipo que dirixe Verónica Bolón hai dicir que se deben pular as liñas de investigación (estas e outras), mais a palabra pular neste caso da investigación abrangue a moitas máis e quere dicir menos burocracia, máis orzamentos, máis continuidade da xente e dos programas. Sen ciencia non imos a ningures.

Cando xoguedes, moitas veces a facer parvadas, coa IA, agora está de moda o uso de ChatGPT, pensade no consumo de enerxía que isto leva e as súas repercusións no ambiente. Mirade que vos alivia o facer cousas innecesarias con estas tecnoloxías. Os estudos sobre o consumo da intelixencia artificial falan dunhas emisións de CO2 á atmosfera entre o 20 e 30% do total. Fai falla a IA, tamén fai falla lexislación e cabeciña.