Discreto, fiel ao que marcou a seu curta pero interesante e frutífera traxectoria política, abandonounos. Deixou a súa Pontevedra de adopción e corazón Francisco Javier 'Pancho' Cobián: o "Alcalde", o noso alcalde durante 4 anos, complicados, pero que foron suficientes para conseguir deixar profunda pegada de ben facer.
'Pancho' soubo estar, e aínda máis, soubo "irse" cando viu que a política tiña máis espiñas que rosas e que, sometido á disciplina dun partido, ou "tragabas" cos que mandaban ou pouco percorrido quedaba. E a pesar diso, tivo as "agallas" suficientes para antepoñer Pontevedra a calquera outra cousa, aínda que iso supuxera enfrontarse a Manuel Fraga, que por entón era "palabra de Deus" para os seus. Non lle serviu de moito, porque o "León de Vilalba" naquel entón era moito león, pero 'Pancho' deixou claro que el non ía ser "cordeiro" e se non o deixaban defender os intereses da súa cidade marcharía para a súa casa, sen facer ruído.
Para o recordo queda a súa frase "quixen facer máis cousas das que me deixaron", definitoria do que puido ser e non foi por mor de intereses políticos alleos. E aínda así, en só 4 anos de mandato deixou para a posteridade feitos como a construción da ponte dos Tirantes, do Pazo da Cultura, ou a adquisición do cuartel de San Fernando, actual sede de Belas Artes. 'Pancho' foi o principal impulsor do campus local e quizais nesa loita atopou a primeira pedra no zapato que lle fixo plantar cara ao seu propio partido, cando desde a Xunta de Manuel Fraga se optou por Lugo como sede da Escola de montes, pretendida por Pontevedra.
Logo viñeron os obstáculos a outros grandes proxectos que tampouco se puideron materializar, pero que reflectían a enorme visión que tiña para "a súa" cidade. Propuxo construír unha gran cidade deportiva na Xunqueira de Alba; pretendeu crear unha gran área metropolitana con Pontevedra como eixo, así como converter os terreos de Tafisa nunha gran Cidade da auga. Non puido ser...ou mellor, non llo permitiron. A súa visión chocaba con intereses partidistas que postergaban a Pontevedra en beneficio doutros lugares. E dixo adeus. En silencio, sen o máis mínimo espavento. Mantendo a discreción ata levar á tumba os segredos de tantas negociacións, de tanta loita por conseguir o mellor para Pontevedra.
Nunca pretendeu ser outra cousa máis que un bo pontevedrés e colmou as súas aspiracións chegando a ser "o Alcalde" dunha cidade que con el empezou espertar tras un longo período de letargo. Mágoa que non o deixaran, que non o apoiaran.
Nin unha mala palabra, a pesar de todo, saíu nunca dos seus beizos. Soubo apartarse e deixar paso a outros, sen perder case nunca o sorriso e nunca as formas.
Pontevedra perde a quen foi un gran Alcalde. Alguén que quixo (e conseguiuno en boa medida) facer grande á súa cidade. Poida que con el empezase todo. Poida que a cidade da que hoxe presumimos en todo o mundo non fose posible sen a súa achega. É por iso que me atrevo a dicir que o seu nome ben merece quedar para sempre no recordo, para os pontevedreses de hoxe e do mañá. No aire déixoo e a quen corresponda dígolle que esta cidade está en débeda con 'Pancho' e que esa débeda debería saldarse cun recoñecemento público que ben podería ser dedicar unha rúa á súa memoria, rúa "Alcalde Cobián"... Poucos con máis méritos para tal honra.