A democracia rodeada

16 de novembro 2023

Recentemente, o presidente da foto das Azores e do pacto do Majestic, dicía sobre Sánchez: "é un perigo para a democracia". Esta tremenda expresión e as accións que alentou: "quen pode facer, que faga, quen poida contribuír, que aporte, o que se poida mover, que se mova" lévanme a reflexionar sobre o que realmente é un perigo para a democracia e do que a temos que liberar.

 

- En primeiro lugar, dos que non acatan radicalmente os resultados das urnas. Os demócratas, o primeiro que temos que ser é seres obedientes á cuantificación matemática dos votos. O sufraxio en democracia establecen a lei. Quen reúna máis apoios ten todo o dereito a gobernar. Pero non nos confundamos, non se trata de asumir con arrogancia ou de crer que o proxecto gañador é o mellor, senón simplemente aceptar que, polo que sexa, a xente votou por el. Con esta votación a cidadanía establece o rumbo, que deben tomar as decisións políticas na próxima lexislatura, e logo xa veremos dentro de catro anos que pasa.

- En segundo lugar, hai que liberar a democracia dos profetas. Si, refírome, por unha parte, a algúns líderes que mirando ao ceo percibir claramente o que é xusto e inxusto,que falan e actúan coa autoridade dos que cren ter unha comuñón perfecta coa verdade e o ben. Eses videntes que constatan que o programa, que parece contar co apoio da maioría parlamentaria (cuantificación matemática), é deshonesto, perverso, discriminatorio,... .É tamén habitual, así mesmo, escoitar a persoas dicir “a xente vota mal”, o que equivale a afirmar que eles si votaron ben. Lanzar esta proclama de que o pobo vota mal, ademais de ser unha posición moi aristocrática, supón que eles se consideran seres superiores. En definitiva, non son seres humanos, son profetas.

- En terceiro lugar, librala dos que cren ter a verdade. Se fose por algúns, moitos non deberían ter dereito a voto, están convencidos de que son un perigo para a democracia, porque o seu voto non nos leva á verdade.Dalgunha forma este grupo asume que o propósito da política é levarnos á verdade. Opino, ante todo, que non está nada claro que a política teña nada que ver coa verdade. De feito, para ocupar un cargo, por exemplo, de ministro non é obrigatorio ter ningún tipo específico de competencia cognitiva, só é necesario que te nomee o presidente do goberno. Posiblemente o propósito da política non sexa a verdade, para iso temos aos científicos.

 

Entendo que o obxectivo da política debe ser buscar a paz e a seguridade para todos e todas e por iso enxalzo a democracia como o mellor sistema posible, porque introduce, algo moi obxectivo, a cuantificación matemática no ámbito político. Debe gobernar quen reúna máis votos.Non me interesa valorar se as propostas que gañaron nesa cuantificación son boas ou malas, se son axeitadas ou non. Non podo meterme na cabeza dos demais para ver cales son as súas verdadeiras intencións, por que defenden esa política ou que forzas invisibles os están premendo para adoptar ese punto de vista. Se esperamos que os outros cheguen a aceptar que as nosas ideas son mellores que as súas, igual estariamos discutindo durante 10.000 anos. En cambio, se podemos votar, e logo, contar os votos e comprobar se ganamos ou perdemos.

 

Os votos son os que con frialdade establecen o camiño, e dentro de catro anos ou cando nos volvan a convocar a eleccións, valoraremos se as súas propostas son as axeitadas ou se optamos por outra estratexia, así de sinxelo.

 

Polo tanto, para frear aos que son un verdadeiro perigo para a democracia, "quen poida aportar algo, que contribúa". Para que? Non para socavar a democracia co obxectivo de poñer o poder en mans duns poucos escollidos: profetas, aristócratas,...; senón para acadar o fin último da democracia; conseguir a paz e a seguridade para todos e todas.