15 de marzo 2018
 Para facer a "avenida" armaron un mecanismo
que é un invento parecido a unha moegha de muínho.
  Como era de eucalipto, comezou a revirar;
seica se puxo de punta e non quixo trabalhar.
 
  Okal ( o forno do cal )
   Okal ( patacas sen sal ) ..............
 
 Letra: Peón o dos troles  Música: Spot de Okal
 
 Arredor do ano 1950
 
 
 
 Asi criticaba o xenial Peón, nun entroido, a construcción da "avenida" a Marín feita a través do mar pola desaparecida constructora José Malvar de Mollabao.
 A 19 de Maio de 1947 aprobábase o proxecto de construcción da malchamada "autovía a Marín" que comezou a faerse alá por 1949. Daquela, unha delegación veciñal de pescadores-mariscadores de Lourizán entrevistáronse con responsables da constructora para solicitarlhe que fixeran a avenida sobre piares a fin de que o mar trabalhase a costa e respectase a vida naquela enseada. Como era de prever, foron rexeitados de mala maneira. Naquela altura, os vecinhos de Lourizan trataron de defender o seu pan pero ninguén podía sospeitar cales eran os escuros plans do governo golpista e os seus esbirros. O tal vieiro entre os portos de Marín e Pontevedra non era en absoluto necesario daquela xa que o tráfico rodado entrambas vilas era moi escaso ( a nosa panda xogaba á pelota na estrada de Marín nos primeiros sesenta). Tampouco a pretendida autovía podía discorrer elevada xa que era nin máis nin menos que o muro de contención da futura celulosa. A avenida de Marín non era esa obra "audad y genial" que dicía o ABC da época. A avenida a Marín foi A PRIMEIRA PEDRA DA CELULOSA!
 
 En 1955 dase por rematada a obra pese a ser terrenha e estar chea de socavóns pois o asfaltado e posterior apertura ó tráfico non se deu ate...catorce anos despois!! Inaugurouse o 8 de Agosto de 1969. E iso que era un vieiro " moi necesario"!
 
 A tal "autoestrada", como din os ignorantes celulosos, descorre desde As Corbaceiras ate Os Praceres e segue cara á Marín cortando o itsmo da península do Cabo. Foi feita entre muros de cantería recheados sobre a marcha. Contáronme que ó interior destes muros saltou unha vez un arroaz ou caldeirón, un mamífero mariño da familia dos delfínidos ( N.C. Pseudorca crassidens ), moi abondante naquela altura. Pode que aínda haxa alguén en Lourizán nado arredor de 1940 que lembre este feito. O animal fora capturado polos vecinhos dos Praceres.
 
  A empresa José Malvar (pai) contaba cunha brigada de mulleres que desempenhaban os traballos máis duros cobrando menos que os homes claro, ou sexa: igual que hoxe, vaia. E é que neste país hai cousas que non cambian. A nai da minha grande amiga María Xosé era unha destas mulheres e chegaba tóda-las noites á casa cos olhos en carne viva pois levaba as cestas de grava na cabeza e caíalhe na cara a area que escoaba polas rendixas. E non sería a última vez que o "progreso" ferira os olhinhos das nosas nais...e das nosas filhas. Cando se lhe han valorar, e agradecer, eses sacrificios ás nosas mulheres? Cando se faga (de facerse, cousa que dubido) será tarde de máis pois as máis delas xa non están entre nós.
 
  O 10 de Agosto de 1955, o xornal ABC dase conta da existencia da "avenida" nun artigo pragado de incongruencias, tal vez motivadas pola distancia e por desconhecemento in situ do redactor, que xa comentaremos algunha vez se for necesario. A noticia figura na hemeroteca con foto incluída.
  Só un ano despois, apróbase a construcción dunha fábrica de pasta de papel nos terreos ganhados (roubados) ó mar. O 30 de Decembro de 1958 comeza o dragado coa afouta oposición da xente de Lourizán, arriscada e valente oposición, ténhase en conta que imperaba unha dictadura militar especialmente violenta. Eles afrontaron aquela loita en solitario e, en solitario foron duramente reprimidos por máis que o fato de alcaiotes sopranabos reaccionarios insista en que: "protestan ahora; y como no protestaron antes ?"Aquela xente baixou á area a defender a súa vida. Non lhes quedaba outra. O seu pan e o dos seus filhos ía servir de cimentación da Empresa Nacional Cancerosa. Aquel banco marisqueiro era o verdadeiro MOTOR de Pontevedra, o que criou a tantas xeracións dos seus. O que veu despois foi lupanda para catro privilexiados e miseria para todos os demais.
 
  O 10 de  Febreiro de 1959 levouse a cabo o que chamo a  "ruín entalhada", a máis dura represión da historia contra os trabalhadores do mar. Eran miles e foron cercados por mariñeiros de reemplazo armados de Máuser con baioneta calada (o povo contra o povo) a apoiados  pola presencia "disuasoria" do buque canhoneiro Hernán Cortés. Esta, senhores, foi unha das páxinas máis vergonhentas da historia de Espanha, por máis que impere unha especie de amnesia interesada e cómplice. Páxina da que eu fun testemunha directa con apenas oito anos e medio e que levo impresa a lume na memoria. Foi unha copia da represión criminal do III Reich acaída non había moito en Europa digna do mesmísimo Serrano Súñer, cunhadísimo do tirano.
 
  O 2 de Maio de 1961 ( exactamente 151 anos despois do comezo da Guerra da Independencia acométese a construción da celulosa a toda pastilha de maneira que, ano e medio despois, comeza a funcionar.
  Estando eu no meu observatorio favorito (na lomba enfronte a entrada da "besta" vexo vir unha comitiva de autos negros escoltados por motoristas que entran na fábrica. Era o anano xenocida e a súa corte que vinhan bautizar o enxendro. Era o 12 de Septembro de 1963. O cura que bautismou á besta era o mesmo que, poucos anos antes, me bautismou a min. O inefable Xosé Silva "Sifó", un "padre" no máis amplo senso da palavra.
 
  Aínda seis anos despois inaugurouse a autovía, concretamente o 8 de Agosto de 1969. E iso que era unha obra moi necesaria para enlazar os portos de Marín e Pontevedra (este último xa inoperante daquela) .
 
 Pensar que aínda a día de hoxe temos que escoitar óa celulosos dicir: " iso nunca será unha praia porque por aí transcorre HOXE??? unha AUTOPISTA???, ou que eles tenhen a sacrosanta misión de estar aí para evitarnos os especuladores inmobiliarios...que pasa? que nos toman por idiotas?. Todos eses e outros improperios xa foron rebatidos no meu artigo "os puntos sobre os is" pero vostedes, benditos ignorantes, erre que erre, repetindo unha e outra vez as mesmas mintiras por ver se colan. O malo é que algúns temos memoria. De calquera xeito, se me deran a escolher, eu prefiro ós especuladores inmobiliarios ante os especuladores contaminadores.
 
  Pois nada, non tenhan medo en preguntar o que sexa para non ficar por ignorantes. Aquí estamos ó seu servizo porque non hai nada máis digno que aprender ó que non sabe...pero non se confíen porque tampouco hai nada máis estúpido que ensinar a quen non quere aprender, que me temo é o seu caso, senhores/as Casal e palmeiros/as. Xa vos vale de mentir e insultar. Conque, o dito; antes de pintar o ridículo, preguntade que aquí estamos para ponher os puntos sobre os is mailoquefaghafalta.