Vox celebra o fin da campaña agradecendo "o gran recibimento" que tiveron na rúa

Pontevedra
26 de maio 2023

Para Manuel Torres, candidato á Alcaldía, "todos os veciños de Pontevedra se deron conta de que agora vivimos peor que hai 20 anos cando había maior poder adquisitivo e maior actividade económica, mentres se desaproveita o potencial humano e o talento dos pontevedreses"

Acto de peche de campaña de Vox en Pontevedra Vox Pontevedra

A campaña electoral de Vox chegou ao seu final este venres co acto de fin de campaña celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra xunto aos seus afiliados e simpatizantes.

Manuel Torres, candidato á Alcaldía, mostrou a súa satisfacción polo "gran recibimento" que tiveron na rúa, "tras unha campaña de intensa actividade" que lles deu a oportunidade de "intercambiar impresións" cos veciños e coñecer as súas necesidades máis inmediatas.

Para Torres, "todos os veciños de Pontevedra se deronconta de que agora vivimos peor que hai 20 anos cando había maior poder adquisitivo e maior actividade económica, mentres se desaproveita o potencial humano e o talento dos pontevedreses" e asegura que "co respaldo dun goberno capaz e coa empatía suficiente levaría a Pontevedra ao lugar que se merece como capital de provincia e das Rías Baixas".

Para o candidato de Vox, "é importante acabar en Pontevedra cos barrios e parroquias de primeira e de segunda xa que todos pagamos os mesmos impostos e, por tanto, todos temos dereito aos mesmos servizos, independentemente do lugar do municipio onde vivamos".

Concluíu insistindo en que "é hora de deixar de ver con impotencia como pasan anos e anos de parálise municipal ante os nosos ollos e empezar a traballar para conseguir os servizos, infraestruturas e emprego que os pontevedreses solicitan".