VÍDEO.- O PSOE fai unha última chamada ao voto para rematar unha campaña de pateo e proximidade

Pontevedra
24 de maio 2019

Os socialistas presentaron un vídeo de fin de campaña no que Tino Fernández recibiu o apoio da deputada, actriz e activista trans Carla Antonelli e o alcaldable deu a coñecer que nas dúas últimas semanas camiñou máis de 190.000 pasos e moitos membros da candidatura mesmo moitos máis 

Mesa informativa do PSOE na praza de Ourense Mónica Patxot

A candidatura do PSOE de Pontevedra fixo este venres un último chamamento ao voto de cara ás eleccións municipais do próximo domingo 26 de maio facendo un percorrido por barrios e parroquias e cun almorzo informativo de balance de campaña no que o alcaldable, Tino Fernández, destacou que foron 15 días de actividade "moi próxima" e "moi positiva".

"Foi unha campaña de moito pateo, de moita visita, de moito falar", valora Tino Fernández, que agradeceu a implicación de militantes, simpatizantes e membros da candidatura, que posibilitaron que todos os días entre 12 e 18 persoas percorreran todas as parroquias, que a sede do partido estivera chea de xente preparando sobres e que se repartiran máis de12.000 folletos cos programas e 17.000 sobres

A modo de curiosidade, este venres presentaron un vídeo de fin de campaña no que Tino Fernández recibiu o apoio da deputada, actriz e activista trans Carla Antonelli e o alcaldable deu a coñecer que nas dúas últimas semanas camiñou máis de 190.000 pasos e moitos membros da candidatura mesmo moitos máis. 

En opinión de Tino Fernández, en toda a súa experiencia política a campaña que remata este venres foi "probablemente na que máis notei a volatilidade do voto e a necesidade de informar á xente". Así, empezou "coas cousas moi abertas" e serviu para trasladar aos cidadáns que "pode haber outras formas de gobernar" e algunhas das propostas centrais dos socialistas, que pasan por unha política que pense na xente e pola mellora das infraestruturas.

Ademais dos temas que dependen directamente do goberno local centrou parte das súas mensaxes en materia de infraestruturas na necesaria colaboración con outras administracións e na boa sintonía co goberno central de Pedro Sánchez que tan só podería garantirse se o PSOE local entra no futuro goberno local. Así, destaca a importancia de que desde o primeiro día do mandato se poña enriba da mesa a situación da peaxe da AP-9.

Este último esforzo dos socialistas chega como colofón a unha campaña da que Fernández recoñece que "pareceu máis longa do que foi en realidade, porque viña precedida de outra". Agora xa está case todo decidido e xa "só hai que esperar os resultados do domingo, que esperemos que sexan bos, e que as nosas propostas se teñan en consideración".

Así, insiste en que un goberno do PSOE ou co PSOE "sería unha boa noticia" para Pontevedra porque "xa ten demostrado que ten capacidade de xestión, que ten capacidade para gobernar, que non temos ocurrencias, que non somos uns tolos, sabemos moi ben o que necesita Pontevedra". E garante esa "moi boa conexión con Madrid".

Neste senso, no seu mitin de peche de campaña, Tino Fernández destacou que tras a vitoria do Pedro Sánchez o 28 de abril, Pontevedra ten unha "oportunidade histórica" de contar cun presidente socialista, "que lle debe moitísimo a Pontevedra, e que xa amosou que vai a escoitar" o que se pida desde o PSOE pontevedrés.   

Ademais, mellorar os resultados das últimas municipais, nas que obtiveron tres concelleiros, podería supoñer tamén mellorar os  resultados socialistas a nivel provincial e mellorar a súa representación na futura Deputación. Tino Fernández está convencido de que o PSOE seguirá gobernando na institución provincial -na actualidade faino en coalición co BNG- e que mesmo "imos mellorar resultados" porque con estes catro anos de goberno presidido por Carmela Silva "deu un xiro de 180 graos".

Para o mitin de final de campaña escolleron o barrio de Monte Porreiro, onde Ángel Mario Lago, número 9 da candidatura, leva realizando longos 'pateos' as dúas últimas semanas. Alí organizaron unha festa coa actuación do grupo musical 'Sobre todo ella' e, no seu discurso, Tino Fernández sacou peito sobre os logros dos gobernos de coalición nos que estivo o PSOE en Pontevedra.

"Boa parte de toda esta transformación que viviu Pontevedra e que a xente lle atribúe en exclusiva a Lores, tivo lugar en gobernos bipartitos, nos que estabamos moi ben representados os socialistas", presumiu, para engadir que na "etapa dourada de crecemento" da cidade, o PSOE tiña practicamente a metade das concellerías e que os socialistas están satisfeitos cun modelo de cidade que, en moitos puntos, comparten, pero que "parece esgotado".   

 

Na mañá deste venres os socialistas tamén estiveron no barrio de Estribela, na parroquia de Lourizán, onde Tino Fernández e a número 2, Yoya Blanco, explicaron á veciñanza as súas propostas para a zona; e instalaron unha carpa informativa na praza de Ourense para dar a coñecer o seu programa. 

Pola Igualdade, Vota PSOE Vota Tino Fernández from Víctor Moreno García on Vimeo.