VÍDEO.- O camiño de cinco triatletas kenyanos cara ao ITU Multisport de Pontevedra, convertido nun documental

Pontevedra
23 de abril 2019

Breaking the Ceiling (Rompendo barreiras) é o título do documental, que plasma como Vincent Ochieng, director do Proxecto Deportivo Kibera, axuda a estes xóvenes duatletas a progresar para que cumpran o soño de calquera deportista, participar nun Campionato do Mundo como farán agora en Pontevedra

Fotograma do documental 'Breaking the Ceiling' ITU

Unha historia de loita, superación, esforzo e determinación para poder cumprir o seu soño, competir nun Campionato do Mundo. É o que farán nos próximos días en Pontevedra cinco triatletas kenyanos despois dun duro camiño cara ao ITU Multisport Festival que acollerá a Boa Vila entre o 27 de abril e o 4 de maio e que quedou plasmado nunha película documental.

'Breaking the Ceiling', (Rompendo barreiras) é o documental que narra o traballo de Vincent Ochieng, director do Proxecto Deportivo Kibera, axudando a un grupo de xóvenes duatletas do país africano a alcanzar a meta de acuidr ao Mundial que terá lugar o vindeiro sábado día 27 de abril.

Os cinco deportistas son parte do equipo de 26 kenyanos que se presentará en Pontevedra. Trátase de Eddy Odhiambo e Kennedy Ochieng (grupo de idade 20-24), Victor Odhiambo (25-29), o propio Vincent Ochieng (30-34) e Washington Otieno (35-39). Salvo o último deles, o resto xa participou hai un ano no ITU Multisport de Fyn, Dinamarca, cun meritorio cuarto posto de Eddy Odhiambo na súa categoría.

"Estamos en Pontevedra coa intención de chegar ao podio en todas as categorías, despois enfocarémonos en 2020 e os Xogos Mundiais 2021", sinala con optimismo Vincent á Federación Internacional de Tríatlon (ITU) sobre os seus obxectivos na Boa Vila.

Todo iso tras superar un gran número de dificultades. "Practicamente non temos equipamento de ciclismo", asegura, chegando ao punto de que "algúns amigos prestáronnos as bicicletas que estivemos a usar neste últimos catro meses para prepararnos para o Campionato Mundial, pero teremos que devolvelas cando regresemos e esperar ata o ano que vén", revela o director do proxecto. Son ademais bicis de 11 ou 12 quilos, de aluminio, cunha calidade inferior que non lles permite competir nas categorías de elite, polo que o farán nos grupos de idade.

Aínda por riba, debido á mala calidade dos camiños na súa zona, Kibera, o equipo tivo que abandonar o seu fogar e exercítase agora na localidade de Iten, a máis de 350 quilómetros de Nairobi.

"Fun un atleta que non experimentou o que é adestrar, pero nacín e crecín en Kibera, onde aos nenos sóbralles enerxía, polo que pensei que sería útil que a canalizasen no deporte", explica Vincent Ochieng, para quen "é duro soster un proxecto como este, pero todos temos determinación. Para eles, o éxito sería a diferenza entre ter unha boa vida e vivir para sempre nun barrio marxinal, así que queren que funcione".

Todo un exemplo de superación, vitalidade e amor polo deporte que é só una das moitas historias que se esconden detrás dos competidores de ata 54 países que tomarán parte no ITU Multisport Festival de Pontevedra nas súas diferentes modalidades.