Un paseo poético-pictórico pola cidade de Pontevedra no que se reflicten elementos significativos como a estatua de Teucro, os monfortinos da praza da Ferrería, o carballo de Santa Margarida de Mourente, a estatua de Colón ou a ponte do Burgo. Ese é o contido da serigrafía 'A nosa Pontevedra' para o seu autor, o recoñecido pintor Manuel Moldes, unha obra coa que colaborará ao financiamento da campaña electoral de Marea Pontevedra de cara ao próximo 24 de maio.
Moldes, considerado unha das grandes figuras da arte galego actual habitual nos museos e coleccións máis importantes de Galicia e do exterior, membro da Real Academia Galega de Belas Artes, séntese identificado co proxecto de Marea, que xa apoiou dende os seus inicios como un dos asinantes do seu manifesto fundacional. Ese respaldo moral quixo plasmalo agora en respaldo económico achegando 'A nosa Pontevedra' para que a agrupación poida vendela e axudar a sufragar os gastos da campaña.
Desta serigrafía fixéronse 75 copias que estarán numeradas e asinadas por Moldes e se venderán ao prezo "absolutamente popular" de 50 euros. ÿ a primeira dunha serie de iniciativas novidosas que poñerá en marcha Marea para lograr financiarse porque, segundo explicou o seu candidato, Luis Rei, "nós somos distintos e tamén imos financiarnos de xeito distinto aos demais".
"Nós non temos ouro de Moscova, non temos tampouco cartos que veñen de Madrid ou Santiago", explicou, de modo que o seu financiamento será con achegas dos membros de Marea e inciativas como a de Moldes. En todo caso, comprométese a non se financiar con métodos alegales nin ilegais, "nin con caixa B de Bárcenas nin con caixa C de Crespo e Correa".
Moldes tamén entrou de cheo na precampaña con críticas a decisións adoptadas en relación coa propia cidade e a súa conservación como a situación do parque de Campolongo e o río Gafos, que el sempre concibiu como "o gran parque central de Pontevedra", pero na actualidade "segue tapado". En contraposición ás decisións do Goberno actual, Marea leva no seu programa destapar o tramo urbano do Gafos.
Partidario da peonalización da cidade, critica a forma en que se realizou, pois "hai pequenas cousas que escabechan" como a decisión de non ter utilizado a mesma pedra orixinal. Non comprende esa "falta de sensibilidade" porque nunha cidade que ten preto a Escola de Canteiros de Poio se poderían ter tratado as pedras nobres do casco histórico e, non obstante, "foron substituídas por láminas serradas".
Rei aproveitou a presentación da obra de Moldes este xoves para reivindicarse como alcaldable nun contexto no que "a dereita e Lores son xa pasado, esta é xa a hora de que fale a cidadania", pois, na súa opinión, os pontevedreses tienela opción de votar ao PP; ao actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG); ou a un proxecto de cambio como Marea, "dúas opcións, o pasado ou a renovación que representa unha forza como é a Marea".