Un ano das letras galegas cheo de amor cara a profesora María Victoria Moreno

Pontevedra
30 de decembro 2018

A escritora, pontevedresa de adopción, foi recoñecida, ademais de en numerosos actos públicos, concedéndolle o nome á principal rúa de Campolongo, ademais de que a súa imaxe e as súas palabras quedaron inmortalizadas nun gran mural situado na rúa Eduardo Pondal

Inauguración da Avenida María Victoria Moreno / Miguel Álvarez

O Día das Letras Galegas dedicábase neste 2018 á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 - Pontevedra, 2005). Así era decidido pola Real Academia Galega coa intención de destacar o seu labor docente e o seu amor e interese pola lingua galega. A proposta partira do colectivo Polo Correo do Vento, co apoio do Concello de Pontevedra, que puxera en marcha a iniciativa, baixo a denominación #PropónUnhaMuller, en 2017. Coa decisión da RAG, Pontevedra convertíase en capital das letras durante todo este ano con diversas actividades culturais e sociais ao redor da escritora.

Licenciada en Filoloxía Románica en Madrid, María Victoria Moreno chegara a Galicia en 1963, con só 22 anos. Axiña asumiu a cidadanía en galego. A autora de Anagnórise (Galaxia, 1989), un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua, impartira clase en dous centros de Pontevedra, o instituto Valle Inclán e o Torrente Ballester, onde deixou como legado a súa biblioteca persoal.

Este último centro  vencía no concurso-exposición Letras Galegas 2018, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, na modalidade de educación secundaria e ensinanzas especiais. O galardón obteñíano grazas ao traballo Sombra e luz, dez carteis onde se recollía a imaxe da escritora e mestra baixo unha estética pop-art.

Un dos acontecementos máis importantes foi a decisión plenaria do Concello de Pontevedra de cambiar a denominación da rúa Fernández Ladreda para rebautizala como María Victoria Moreno. A moción foi apoiada por unanimidade de todas as agrupacións políticas baseándose, entre outros puntos, na pegada que esta figura das Letras deixou en todas aquelas persoas coas que tivo contacto durante os máis de 30 anos que residiu en Pontevedra.

A familia da escritora asistía emocionada ao acto da instalación da placa nesta rúa de Campolongo en abril afirmando que María Victoria Moreno estaría "moi orgullosa" se vise como ía avanzando "día a día" a humanización da cidade. 

A Xunta de Galicia lle rendía tributo á autora homenaxeada cunha exposición itinerante sobre 'Paisaxes e personaxes' relacionados con ela, que puido verse tamén no Torrente Ballester.

O acto central do 17 de maio celebrouse cunha sesión extraordinaria que o plenario da Real Academia Galega (RAG) celebraba no Teatro Principal de Pontevedraonde Víctor Freixanes, presidente da institución, explicou que a obra de María Victoria Moreno "contaxiou" a paixón pola literatura e a conciencia lingüística a varias xeracións. Os intelectuais galegos glosaron a súa extraordinaria traxectoria como docente "entusiasta e entregada" e como "intérprete sagaz" de obras en galegoA académica Marilar Aleixandre destacaba a "gran calidade" da súa obra narrativa e ensaística e a súa aportación na defensa da lingua galega, ademais de ser un referente na consolidación da literatura infantil e xuvenil.

"A lingua que tanto amou María Victoria florece nesta Galicia unida e sen fracturas, libre e cordial", afirmaba o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóono acto que se celebraba nesa mesma xornada no IES Torrente Ballester onde se descubría na entrada unha placa conmemorativa en recoñecemento do seu labor.

Tamén a cidadanía ofrecía a súa homenaxe cunha iniciativa na praza Curros Enríquezonde a Asociación Sociocultural O Burgo confeccionou unha alfombra floral na memoria desta amante dos animais e da natureza.

A estes actos hai que sumar unha chea de actividades durante todo o ano como roteiros, sesións literarias, lembranzas, representacións teatrais e concertos musicais que axudaron a difundir a obra e as ensinanzas da escritora.

A súa imaxe permanecerá nas rúas de Pontevedra, grazas a un gran mural elaborado por Tania Solla e Polo Correo do Vento na rúa Eduardo Pondal.