Unha campaña impulsada desde Pontevedra reclama unha muller para as Letras Galegas 2018

Por Alejandro Espiño
Nos 55 anos de historia do Día das Letras Galegas, tan só tres mulleres foron homenaxeadas: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). Unha campaña impulsada desde Pontevedra espera que en 2018 se poida elixir a unha cuarta escritora para conmemorar o día grande a literatura galega.
O colectivo Polo Correo do Vento, co apoio do Concello de Pontevedra, puxo en marcha esta iniciativa, baixo a denominación #PropónUnhaMuller. Trátase dunha campaña dirixida principalmente aos académicos da Real Academia Galega, responsables da elección do autor homenaxeado, pero que busca a complicidade da cidadanía.
Así, dirixiranse aos colexios da provincia de Pontevedra para que os alumnos fagan chegar unha carga esixindo aos académicos que se recoñeza este ano a unha autora galega. A campaña farase extensible a outras institucións, entidades e colectivos sociais.
Ademais, a iniciativa trasladouse ás redes sociais onde, baixo a etiqueta #PropónUnhaMuller piden aos internautas que sinalen que autora merece ser homenaxeada nas Letras Galegas 2018.
Esta iniciativa, sinalan desde Polo Correo do Vento, busca "denunciar a inxustiza histórica do papel da muller na cultura e nos demais ámbitos da sociedade e dar a coñecer a mulleres que escribiron en lingua galega ou traballaron na defensa do idioma".
Polo Correo do Vento ofrece dez propostas iniciais para que se debata sobre elas. Avelina Valladares, Belén Feliú, Clara Corral Aller, Filomena Dato, Luísa Villalta, María Tobío, María Victoria Moreno, Pura Vázquez, Xela Arias e Xosefa Iglesias Vilarelle. Con todo, aceptan que se inclúan novos nomes en busca da mellor candidatura posible.
Relacionadas:
-
Despois de María Victoria Moreno... outra muller para o Día das Letras Galegas 2019?
Por Redacción |
-
Os concelleiros estudarán cambiar o nome da rúa Fernández Ladreda por María Victoria Moreno
Por Redacción |
-
María Victoria Moreno será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade apoia a candidatura de Antón Fraguas como homenaxeado das Letras Galegas 2018
Por Redacción |
-
María Victoria Moreno e Antón Fraguas, candidatos ás Letras Galegas 2018
Por Redacción |