Triplete de ascensos deportivos nun 2015 para o recordo

Pontevedra
02 de xaneiro 2016

O ano que remata será lembrado na cidade a nivel deportivo polos ascensos do Pontevedra a Segunda División B e do Teucro á Liga Asobal, culminado coa guinda que puxo o Club Cisne co seu salto á División de Honra Prata

Homenaxe do Concello ao Pontevedra polo ascenso a Segunda B Mónica Patxot

Catro anos no inferno da Terceira División eran demasiado para unha cidade e un club como o Pontevedra, que en 2015 ao fin conseguiu retornar ao seu lugar na categoría de bronce do fútbol nacional, a Segunda División B.

Fíxoo, fiel á súa historia, con moito sufrimento despois dun play-off que comezou dramaticamente coa polémica eliminación por penaltis ante o Mensajero nun Pasarón ateigado de xente.

Os grantes contaban con dobre oportunidade tras lograr o primeiro posto na tempada regular. Repuxéronse, non sen sufrir, no segundo cruzamento da fase ante un Manzanares ao que eliminaron na prórroga. Chegaba de novo outra final, que se decidiría o mesmo día que o ascenso a Segunda do xa afastado 2004, un máxico 27 de xuño no que Pasarón esqueceuse dos choros dun mes atrás para gozar da goleada ante o Haro Deportivo.

Pero o ano gardou máis bos momentos para os de Luisito, que tras un inicio dubidoso en Segunda B, convertéronse nunha das revelacións da competición situándose nos postos altos da clasificación.

Tamén foi 2015 un ano especial para a Sociedad Deportiva Teucro, o do seu retorno á máxima categoría, a liga Asobal, un lugar que lle corresponde por historia e afección ao vicedecano do balonmán nacional.

A tempada empezaba con novo inquilino no banco, coa volta ao club dun Quique Domínguez que sacou o máximo rendemento a un plantel infestado de xogadores galegos que enganchou á afección e protagonizou unha tempada histórica, dominando de principio a fin.

Só catro derrotas na liga regular encumbraron aos azuis, que non puideron celebrar na pista un merecido ascenso que finalmente lles deu o Academia Octavio vencendo ao seu principal rival, o Sinfín cántabro. O final non desmereceu unha tempada brillante que celebrou ao grande cos seus afeccionados na praza que leva o seu nome, a do Teucro.

Por se non fose suficiente o cadro pontevedrés realizou unha notable primeira volta en Asobal, onde se confirmou cun equipo difícil de bater no Pavillón Municipal e capaz de plantar cara a calquera rival.

A guinda en canto a ascensos en 2015 púxoa o Club Cisne Balonmano cun histórico salto á División de Honra Prata. Tras dominar a liga regular no seu grupo da Primeira Nacional, os de Edín Covelo chegaron con todas as opcións ao play-off, que organizaron en Pontevedra.

No Municipal protagonizaron unha brillante fase de ascenso impoñéndose nos seus tres partidos para pechar un ano máxico na cidade.