Tod@s por Pontevedra protesta contra a falta de emprego cun simulacro de emigración

Pontevedra
20 de maio 2015

A estación de tren foi o lugar elixido polo equipo de Tod@s por Pontevedra para escenificar este mércores un simulacro de emigración. Con María Biempica á cabeza, querían denunciar así a "falta de oportunidades laborais" que hai na cidade

Simulacro de emigración de María Biempica na estación de tren de Pontevedra Mónica Patxot

A estación de tren foi o lugar elixido polo equipo de Tod@s por Pontevedra para escenificar este mércores un simulacro de emigración. Con María Biempica á cabeza, querían denunciar así a "falta de oportunidades laborais" que hai na cidade.

Esta acción inclúese dentro da aposta polo emprego que propón Tod@s por Pontevedra no seu programa. Segundo a súa candidata á Alcaldía, "vivimos unha fuxida de cerebros que hai que atallar e o actual goberno mira cara outro lado", o que levou a que Pontevedra sexa na actualidade "a segunda en taxa de desemprego entre as sete grandes de Galicia".

Entre as medidas a curto prazo a candidatura de Biempica loitará contra o desemprego xuvenil e pola segunda oportunidade para as persoas maiores de 45 anos que perderon o seu emprego. Propón ademais un sistema de orientación laboral e a creación de convenios con entidades privadas, potenciar o comercio local cunha gran aposta polo Mercado de Abastos, e consolidar o turismo, especializándose en gastronomía e historia e atraendo pasaxeiros de cruceiros.

A medio prazo, Tod@s por Pontevedra aposta pola creación dos centros de innovación Pontech, pensando nas industrias verdes, e do Ferverdoiro, no antiguo edifcio da Xunta de Benito Corbal, que busca a creación dunha industria cultural que xere riqueza, porque "a pesar de que Pontevedra é xa un referente neste campo non hai unha industria que o respalde", sinalou Biempica.

"Todos eses programas, a curto e medio prazo, poñen a vista en construír un tecido empresarial para Pontevedra para ter un futuro e para evitar que as persoas que queiran traballar aquí non teñan que emigrar", concluíu.