Tino Fernández: "En relación con Ence, o PSOE non é o problema, o PSOE é a solución"

Pontevedra
19 de maio 2019

Para Tino Fernández (PSOE), o próximo mandato terá que centrarse en dous aspectos: "un compromiso polas grandes infraestruturas que necesita Pontevedra" e "un impulso ás políticas que se acheguen ás persoas". Sobre eses dous eixos aséntase o que é o seu segundo intento de chegar á Alcaldía capitalina 

Tino Fernández, alcaldable do PSOE Mónica Patxot

Sostén Tino Fernández (Pontevedra, 1961) que o mandato que comezará despois das eleccións municipais do 26 de maio terá que centrarse en dous aspectos: "un compromiso polas grandes infraestruturas que necesita Pontevedra" e "un impulso ás políticas que se acheguen ás persoas". Sobre eses dous eixos aséntase o que é o seu segundo intento de chegar á Alcaldía capitalina, no que apostou por un programa e unha candidatura feministas.

O cabeza de lista do PSOE, que en 2015 tan só acadou tres concelleiros, está a encarar esta nova cita cos votantes con espírito gañador e co ánimo elevado despois de que a socialista fora a forza máis votada no municipio nas eleccións xerais do 28 de abril. Botando a vista atrás aos últimos 20 anos de goberno nacionalista, cre que as mellores épocas foron aquelas nas que BNG e PSOE tiveron coalición e está disposto a reeditala, pero non a calquera prezo.

Vostede xa estivo na oposición con alcaldes do PP e do BNG e como socio  de goberno cos nacionalistas. Agora que lle toca?

Creo que agora o que toca é intentar xestionar o Concello de Pontevedra cun proxecto socialista. Creo que é o momento, que estamos nunha boa situación e que é o que necesita Pontevedra.

O seu primeiro intento de chegar á Alcaldía como número un da lista non saíu moi ben. Por que pensa que nesta ocasión vai ser distinto?

Porque os tempos políticos mudan. No ano 2015 había unha situación contraria ao PSOE, había aínda esa lembranza dunha crise económica que non se atallou como se tiña que atallar e unha sensación de que o PSOE era máis problema que solución. Agora, en cambio, sobre todo despois da moción de censura do ano 2018, os cidadáns teñen claro que o PSOE forma parte da solución e iso fai que nos impulsemos e que teñamos unha visibilización entre os cidadáns completamente diferente. A iso hai que engadir que, efectivamente, nós cremos que os cidadáns miran que os grandes problemas de Pontevedra só se poden resolver cunha boa conexión co goberno de Madrid e esa boa conexión só a garante o PSOE neste momento.

Chegan estas eleccións tan só un mes despois das xerais. Ata que punto pensa que vai influír no resultado do próximo 26 de maio o sucedido neses comicios?

Eu creo que menos do que se pensa. Inflúe moito máis no ánimo que no resultado final, sobre todo en Pontevedra, onde o mapa electoral non é un mapa ao uso como noutras zonas. Se falamos de zonas nas que hai unha polaridade entre o PP e o PSOE, pode ser que o efecto rebote se note máis. Aquí temos unha realidade electoral diferente e creo que non vai ter tanta influencia. Si inflúe no estado de ánimo, é dicir, non é o mesmo facer campaña perdendo que ganando e iso se está notando moito na alegría coa que se está afrontando esta campaña por parte dos socialistas.

A situación do PSOE en Madrid é diferente e pode empuxar cara arriba o seu número de votos, pero cal é a situación no partido en Pontevedra? Que cambiou desde 2015?

Eu xa levo uns anos no partido e non recordo unha etapa de tanta tranquilidade como a que se está vivindo agora, de tanta unidade. Temos unha executiva moi forte, onde están integradas todas as sensibilidades, e unha maioría case unánime dentro da agrupación, que funciona coma un reloxo. Non hai discrepancias como había antes, estamos todos traballando na mesma dirección, e iso aporta moito. Aporta unha tranquilidade interna importante e tamén a visibilización cara a fóra de que somos un partido que temos superado as nosas diferencias e que, igual que arranxamos as diferencias internas, temos un proxecto capaz de arranxar as diferencias dos cidadáns de Pontevedra

Que sensacións ten unha vez iniciada a campaña? Vaise producir un cambio na Corporación?

Eu penso que si, que vai a haber cambios na Corporación. Creo que o PSOE vai crecer de forma importante e que as forzas de dereitas van sufrir un forte retroceso. Mesmo tamén algunhas forzas de esquerda teñen que retroceder, por unha cuestión fundamental, que os cidadáns son o suficientemente intelixentes para saber que ao voto hai que darlle a máxima utilidade posible e o voto de esquerdas útil é o que vai ao PSOE porque é o que vai garantir que poida haber un goberno progresista que se ocupe das persoas e que, ademais, teña unha boa sintonía con Madrid para resolver os problemas. Espero e confío que a xente de esquerdas saiba que a utilidade do voto está en votar ao PSOE.

Poñámonos na hipótese de que, despois do día 26 é necesario pactar para conformar goberno. O PSOE, de quen estaría disposto a ser socio e de quen non?

Xamais pactaremos co PP. Xamais. Nin con outras forzas de dereita que se veñen manifestando como forzas case de ultradereita. A que aspiramos? A gobernar. Para gobernar necesítase buscar puntos de encontro entre todos e a partir de aí, despois da noite electoral, falaremos

Baralla volver ser aliado do BNG? E, en tal caso, poríalle algunha liña vermella?

Non. Cando un se pon a negociar, non se pode negociar nunca con liñas vermellas. A liña vermella, con outros partidos, porque loxicamente teñen uns posicionamentos distintos aos nosos, pero se un partido opta por negociar con outro, ten que negociar desde a responsabilidade, a honestidade e a lealdade. Outra cousa é que logo se chegue a acordos ou non porque evidentemente, hai profundas diferencias entre o BNG e nós. 

Deixémonos de elucubracións. Cal é para vostede un compromiso irrenunciable que debe asumir o próximo alcalde?

Creo que é difícil sintetizalo nun só. Este é un mandato no que hai que impulsar dúas cousas: un compromiso polas grandes infraestruturas que necesita Pontevedra, chámese transporte público, saneamento ou impulso a temas como  o novo Montecelo; e logo ten que haber un segundo pé que é o impulso polas políticas que se acheguen ás persoas. Maior sensibilidade cara ás persoas maiores, cara á xuventude, cara aos clubs deportivos. Creo que esas dúas liñas de actuación teñen que ser os dous elementos fundamentais do próximo mandato.

"Non pode ser que unha persoa estea esperando 21 días para  que a atendan nos servizos sociais"

Que cre que lle falta a Pontevedra para despegar como cidade?

Pontevedra está ben situada como cidade. Creo que fixemos unha boa labor nos gobernos de coalición que realmente quedou estancada neste último en solitario do BNG, pero que avanzou moito. Quen lembre Pontevedra no ano 1999 non a recoñecerá no ano 2019, iso é certo, pero non podemos morrer de éxito e ese creo que é un dos grandes problemas que supón a opción do BNG, que hai un excesivo triunfalismo e unha excesiva confianza en que as cousas saen por si soas. E non é así. Creo que temos que seguir avanzando, necesitamos pensar nas persoas, que as políticas sociais melloren moito, non pode ser que unha persoa estea esperando 21 días para  que a atendan nos servizos sociais, temos que pensar en mellorar a educación e a sanidade na parte que nos toca. E logo creo que é moi importante traballar nesa defensa do medio ambiente e eu xa anuncio que nos primeiros cen días de goberno socialista haberá unha mesa de negociación cunha cadeira para o señor Colmenares para intentar buscar acadar un acordo que permita trasladar a actividade de Ence fóra da Ría. 

Ence entrou con forza xa na campaña das xerais e agora de novo na das municipais e o seu partido está a ser foco de ataques. Como os está a vivir?

Con moita tristeza porque creo que non é a liña argumental de defensa dos dereitos atacar un partido ou sinalar cunha diana e nome e apelidos a xente e tamén porque creo que cando nos sinalan a nós como responsables das cousas se están equivocando totalmente. O PSOE non é o problema, o PSOE é a solución. O problema é unha empresa que os enganou e un PP que enganou á empresa. Polo tanto, creo que os traballadores deberían focalizar o seu descontento cara a aqueles que os enganaron e buscar vías de encontro con aqueles que podemos solucionar os temas porque máis tarde ou máis cedo Ence vaise ir de aí e pode irse para sempre ou pode irse nun traslado no que se poida garantir a actividade. E iso só o pode garantir o PSOE porque está gobernando en Madrid e porque ten vocación de manter os postos de traballo. E porque xa manifestou a súa dispoñibilidade para negociar un traslado. Os traballadores saben, ou deberían saber, que teñen abertas as portas do PSOE para falar.

"Espero e confío que a xente de esquerdas saiba que a utilidade do voto está en votar ao PSOE"

Como candidato dun partido de traballadores, como leva que o acusen de facer política en contra dos empregados de Ence?

Levámolo mal porque, ademais, creo que  é inxusto. O PSOE nunca enganou os traballadores de Ence, vén mantendo a mesma postura desde hai décadas, dicindo que Ence si, pero non aí, e buscando alternativas e solucións. Cando Pedro Sánchez chegou á Moncloa, fomos falar co seu gabinete económico e abriu a porta a unha mesa de negociación. Nós vimos moi claro que esa era a alternativa. Son alternativas que poden parecer utópicas, difíciles, moi complicadas, pero que son a saída. Todo o mundo en Pontevedra sabe que Ence non está ben aí e agora nós poñemos sobre a mesa a posibilidade de que iso saia de aí e se manteña a actividade. Entón, fastídianos e moléstanos que se nos achaque que estamos contra a actividade industrial e empresarial cando, en realidade, somos os únicos que estamos realmente preocupados por manter a actividade industrial. Uns están preocupados por sacarlle rendemento económico aínda que se peche e outros deben estar preocupados polas portas xiratorias, pero non están para nada preocupados polos traballadores

Considera que Pontevedra está a ser ben tratada por outras administracións?  

Non. A parte da administración da Xunta de Galicia, moi mal. Tennos absolutamente abandonados. Só hai que intentar pensar en investimentos feitos desde que Núñez Feijóo é presidente para darse conta de que os investimentos que se están dando agora foron prometidas no ano 2009. Por parte da administración do Estado, a última vez que houbo interese por Pontevedra foi gobernando José Luis Rodríguez Zapatero, que se montou a mesa M4 e se conseguiu modificar o Nó do Pino, humanizar a avenida de Pino, humanizar a avenida de Ourense e o financiamento para modernizar Josefina Arruti. 

"Mentres non haxa transporte público, o rural estará en situación de inferioridade con respecto ao resto de Pontevedra"

Con este novo goberno, damos por feito que agora volverá ese interese?  

Nós temos a sensación de que si, de que a nós en Madrid se nos escoita. Creo que a demostración palpable é o que está pasando con Ence. Non me gusta dicir que temos fío directo porque soa un pouco presuntuoso, pero temos capacidade para chegar a Madrid e que se nos escoite e creo que iso é importante para Pontevedra. Temos temas que sacar adiante que son moi importantes, non só Ence, senón que hai que terminar unha circunvalación que é absolutamente importante, falar da autoestrada, dos edificios baleiros  que ten a administración central, dunha residencia para persoas dependentes, do saneamento da ría... Hai un montón de asuntos dos que hai falar coa Administración central e nós somos os únicos que podemos facelo. Pontevedra vai cambiando, pero para seguir medrando necesitamos o aporte doutras administracións. 

Pontevedra está a demostrar que todo o que se faga en materia deportiva resulta crucial. Vostede, que xa foi concelleiro do ramo, que propostas trae para este novo mandato?

Creo que hai que ser moito máis rigoroso, non se pode desvestir un santo para vestir outro. Están ben, evidentemente, porque ademais creo que foi unha aposta socialista, os grandes eventos, sempre que se respecte os clubs da cidade. O que non é admisible é que se estea gastando 1,4 ou 1,6 millóns de euros no tríatlon e os clubs da cidade sigan sen cobrar as subvencións desde o ano 2017. Neste mandato do BNG en solitario, os clubs deportivos só cobraron un ano, 2016. Para poder falar de grandes eventos deportivos, primeiro sexamos capaces de levar ao día o pago aos clubs da cidade, porque son o motor, sen eles, é imposible facer grandes eventos. A nosa aposta pasa por depender non só do que nos dean as federacións, senón de crear marcar propia. Vouche poñer un exemplo da miña época como concelleiro, a 4 Picos.

"Evidentemente, hai profundas diferencias entre o BNG e nós"

Fala de que os pequenos clubs están abandonados. Para abandono, hai moitos que din que o do rural. Estivo ben tratado nos últimos anos? Que faría o PSOE desde o Goberno?

A mellor época do rural en Pontevedra foi cando houbo un concelleiro do PSOE que se dedicaba ao rural, José Manuel Valcarcel. Desde entón, vive unha época bastante triste. Hai unha perda demográfica importante, fundamentalmente porque non goza dos mesmos servizos que o centro da cidade. Nós queremos ser sensatos e serios e non facer promesas que non imos cumprir. Non podemos prometer no rural que imos arranxar todos os problemas en catro anos porque é imposible. O que si que podemos prometer é que imos sacar adiante un PXOM que permita abrir a edificabilidade no rural e xerar un plan de servizos realista. Queremos tamén xerar un plan de rehabilitación que permita que a xente poida rehabilitar as súas casas e teña beneficios fiscais. Os orzamentos de Pontevedra son excesivamente xenéricos, hai que baixalos á realidade para que no rural se saiba cales son as súas prioridades. Outra das propostas é unha proposta de fiscalidade. Cremos que podemos asegurar que quen non teña conexión ao saneamento no rural poida ter unha rebaixa no pago do IBI. Logo hai un tema que é fundamental, tratar con seriedade e con respecto o transporte público. 

Falemos do transporte público, que ocupa un lugar destacado no seu programa. 

Mentres non haxa transporte público, o rural estará en situación de inferioridade con respecto á situación do resto de Pontevedra e mesmo  con respecto a outros concellos. O transporte público é un tema que compete a dúas administracións, a Xunta e o Concello, e levan peloteando co tema e utilizándoo politicamente e como arma arroxadiza os últimos catro anos. Iso tense que acabar. Ten que haber un goberno en Pontevedra que sexa capaz de sentarse coa Xunta para falar con lealdade do transporte e ten que ser unha realidade nun prazo curto de tempo para que sexamos capaces de asentar poboación no rural. 

"Quen lembre Pontevedra en 1999 non a recoñecerá en 2019, iso é certo, pero non podemos morrer de éxito"

En pleno ano 2019, se algo non se pode obviar é a revolución feminista. O PSOE en Madrid apostou por un goberno feminista. Que farían en Pontevedra?

En principio, creo que somos a lista máis aberta e probablemente máis feminista de todas as que se presentan. Primeiro, porque é unha lista cremalleira. Segundo, porque no noso número 6 levamos unha persoa como Ada Otero que é a primeira persoa trans que se presenta a unhas  municipais. O que queremos transmitir é que, exactamente igual que escoitamos ás maiorías, tamén escoitamos ás minorías e queremos que se respecte esa diversidade e pase a ser integración. Ninguén pode negar que o PSOE é o impulsor dos grandes avances en materia do feminismo en España, desde o matrimonio igualitario ata o pacto contra a violencia machista. Nese sentido, tamén desde o Concello de Pontevedra se poden facer cousas e espabilar moito máis na loita pola igualdades. Boa parte da nosa lista, está integrada por mulleres que se dedican ao mundo do dereito, todas cunha especialización en violencia de xénero.

E xa para rematar, se vostede chega ao goberno despois do 26 de maio, que faría no seu primeiro día en Michelena 30? 

O primeiro día é para saudar aos funcionarios, presentarse e intentar ver como é a situación. As primeiras semanas de goberno son de asentamento, de ver como están as cousas, que compromisos hai que priorizar, que liñas se poden seguir e falar cos responsables das maquinarias administrativas para intentar axilizar. Se eu chego á Alcaldía, ademais de intentar empezar a falar da mesa de negociación de Ence, teña por seguro que a primeira orde que daría sería que as bases das convocatorias das subvencións para os clubs deportivos de 2018 e 2019 se publicaran xa.