Susana Rodríguez perde o ouro mundial en paratríatlon por unha polémica sanción: "É unha vergoña"

Pontevedra
23 de setembro 2023

A deportista viguesa, unha das principais bazas do equipo español nos campionatos do Mundo de Pontevedra, levou a medalla de prata paratríatlon, pero fíxoo cun sabor amargo, entrando na meta con bágoas nos ollos por unha polémica sanción que lle fixo perder o ouro. "Quero agradecer o apoio de toda a xente de Pontevedra", afirmou tras a carreira

Susana Rodríguez, tras perder o ouro no Mundial de paratríatlon Mosrey Fotografía

O campionato do Mundo de paratríatlon estreou este sábado a actividade no primeiro dos días grandes da Gran Final das Series Mundiais de Pontevedra, e fíxoo rodeado de polémica e afectando á gran esperanza local, Susana Rodríguez Gacio, que levou a medalla de prata.

Unha sanción no sector ciclista privou á viguesa do ouro mundial na proba da casa, penalización moi protestada e que a fixo entrar entre bágoas en meta.

"Paramos no penalti box, hai que parar un minuto e a oficial encargada de controlar estaba apoiada encima da mesa, a miña guía Sara pegoulle tres ou catro golpes, e a señora que se ve que non sabía o seu labor díxonos que nos fósemos e que tiñamos que facer o penalti na carreira, eu se que iso non é así porque levo moitos anos competindo pero en vista diso fómonos, perdemos igual 40 segundos e xa a partir de aí xa non conseguín volver estar en carreira", explicou Susana unha vez acabada a carreira.

Esta sanción, cando ían na cabeza, resultou decisiva, e é que a italiana Francesca Tarantello acabou impoñéndose na categoría PTVI cun tempo de 1:07:19, entrando Susana Rodríguez segunda en meta a 32 segundos, sendo terceira a francesa Annouck Curzilla.

"É moi triste que haxa oficiais controlando as carreiras que non saben que é o que teñen que facer, e é moi triste a Federación Internacional de Tríatlon que tanto presume de igualdade e de que o deporte feminino se trata igual, é unha vergoña que nos poñan unha sanción por bloquear a uns mozos que tiñan por onde pasar. Espero que World Triathlon tome cartas no asunto porque é unha vergoña que nun Campionato do Mundo, que é a proba máis importante de clasificación para París, que pase algo así", queixouse Susana expresando o sentimento do todo o equipo nacional, cuxa intención é reclamar o resultado.

En canto á carreira, Susana Rodríguez quixo agradecer "o apoio de toda a xente de Pontevedra, non só hoxe senón todos estes días e ao longo destes últimos anos".

A competición de paratriatlón foi a encargada de abrir a xornada de competición de sábado con máis de tres horas de actividade e grandes momentos deportivos polas rúas de Pontevedra.