No mes de marzo do 2022 un terremoto de gran intensidade sacudiu o deporte pontevedrés. Supera, a concesionaria do complexo deportivo de Pontemuiños decidía de forma unilateral o peche da piscina olímpica deixando a decenas de deportistas, moitos deles de alto rendemento, no dique seco en pleno inicio da tempada.
Esta decisión, adoptada despois dun tempo no que o funcionamento das instalacións era deficiente, provocou un tsunami de queixas e mobilizacións protagonizadas por todos os integrantes do tecido do deporte acuático pontevedrés.
Todas as institucións, tanto de ámbito local como nacional, posicionáronse ao lado dos afectados e mostraron a súa "estrañeza" por unha decisión tan repentina.
Co obxectivo de atopar unha solución ao conflito que satisfixera a todas as partes, o Concello e a Fundación comezaron a dialogar coa empresa concesionaria. As conversacións non chegaron a bo porto. En abril procedeu ao peche total da instalación e esixía un millón de euros como compensación para renunciar á concesión.
A comunidade deportiva saíu ás rúas para deixar claro o seu malestar coas formas da empresa e evidenciar a necesidade de manter aberta unha instalación fundamental para o deporte pontevedrés.
A loita saltou ao ámbito xudicial e no mes de xuño un xuíz ordenaba a reapertura inmediata do complexo, algo que logo se anulou por un defecto de forma. Con todo, a finais de xullo un novo ditame xudicial permitía á Fundación Rías do Sur, titular das instalacións, reabrir a piscina para o adestramento de clubs e deportistas federados.
Mentres tanto, Supera comunicaba a súa decisión firme de non volver abrir o complexo deportivo Rías do Sur de Pontemuíños. E en setembro anunciaba a súa renuncia á concesión sen ningún tipo de compensación ao alcanzar un acordo extraxudicial coa Fundación.
Con todo, unha nova réplica do terremoto de marzo sacudiría as turbias augas da piscina de Pontemuiños. A seca primeiro e a avaría da tubaxe que abastece de auga a Ence e quenta as augas da piscina atrasaban unha vez máis a posta en funcionamento da instalación.
Durante todo ese tempo, clubs, deportistas e institucións rompían a cabeza para atopar acomodo en piscinas masificadas como a do CGTD ou da Escola Naval Militar de Marín.
Xa no último trimestre do ano levantouse a prealerta por seca, pero o elevado custo que supón o mantemento da instalación motivou a decisión da Fundación de volver pechar a instalación.
Clubs e Concello puxeron todo do seu parte e, despois de varias reunións entre as partes, acordaron manter aberta a piscina de 25 metros á espera de atopar unha solución definitiva que permita a posta en funcionamento de todo o complexo, algo que se espera que chegue no 2023.