Sergio Baxter arrasa e leva o ouro no dúatlon júnior na segunda xornada do ITU Multisport

Pontevedra
28 de abril 2019

Pola súa banda, a primeira hora da mañá, a partir das 9:00, disputouse a probra de paraduatlón, onde tamén se proclamou campión un español, Jairo Ruiz

Segunda xornada do ITU Multisport coas probas de distancia júnior e paraduatlón Xan Xiadas

A segunda xornada dos Campionatos Mundiais de Tríatlon desenvoltos na cidade de Pontevedra non se quedou atrás con respecto ao día anterior, no que se disputaron probas ao longo de todo o día.

Nesta ocasión, a mañá do domingo acolleu dúas competicións. A primeira hora, a partir das 9:00, os deportistas participantes en categoría paraduatlón tomaron as rúas locais, para máis tarde, ás 11:15, deixar paso aos seus compañeiros de distancia júnior.

Un total de 25 atletas, procedentes de diferentes países do mundo, tomaron parte na primeira carreira, dous deles na categoría feminina, onde a española Josefina Guimarey ocupou a segunda praza (01:29:06), por detrás da australiana Fiona Southorn (01:12:04). 

No grupo masculino, a escuadra española tivo máis sorte, xa que Jairo Ruiz fíxose co ouro ao finalizar o percorrido nun tempo de 58:54. Seguírono na liña de meta o italiano Mauro Gava (59:08) e o tamén español Rubén Martínez, co bronce (01:00:38).

Completaron o equipo español José Manuel Quintero (7º), Daniel Molina (9º), Jorge Orejón (12º), Francisco Jesús San Martín (14º), Raúl Zambrana (15º), Ricardo Marín (17º), José Joaquín Martínez (18º), Aarón Ortiz (19º), Joaquín Carrasco (20º) e Heras Pérez.

A continuación, despois da entrega de medallas fronte ás bancadas do CGTD, comezou a proba júnior feminina, na que competiron as españolas Natalia Hidalgo e Laura Durán, que finalizou en terceira posición. Ás 12:00 horas, tomaron a testemuña os júnior masculino, que contaron coa participación de Sergio Baxter, que se proclamou campión do mundo da categoría, e Ángel Sánchez (6º).

Do mesmo xeito que ocorreu durante a xornada do sábado, a de maior afluencia de deportistas da competición, multitude de persoas acompañaron aos atletas ao longo dos quilómetros do percorrido e na liña de meta situada nas mencionadas instalacións.

Ademais, xa pola tarde, a partir das 18:45, celebrouse unha cerimonia de entrega de premios, que ninguén quixo perderse. Péchase, así, outro día de competición cun ambiente fantástico na cidade.

Consulta as clasificacións das probas das categorías Júnior e Paradúatlon.