RADIO.- Os namorados respostan: de que agasallo teñen mellor recordo

Pontevedra
10 de febreiro 2023

San Valentín vén cun agasallo no arco, ou non. Adoita ter bo ollo no tiro, ou non. Para saír de dúbidas, desde PontevedraViva Radio preguntamos entre a poboación, namorada ou non, sobre eses agasallos que fan e reciben o 14 de febreiro

Cidadáns paseando por Benito Corbal Mónica Patxot

Temos infinidade de invitados e de invitadas neste podcast de PontevedraViva Radio. Saímos á rúa para preguntar polos agasallos de San Valentín. Cal foi ese agasallo do que tes un recordo especial?, houbo algunha ocasión en que San Valentín non estivo acertado?. 

Desde os máis novos, pasando polos que xa non o son tanto e chegando aos que teñen máis experiencia nesto de ser parellas, comparten nas 'Conversas na Ferrería' eses recordos persoais. E non exentos de aperto nalgúns casos, xa que respostaban ante quen posiblemente non atinou na súa intención ou ante quen esqueceu a data en que se esperaba un amoroso detalle.

Atopamos San Valentines moi moi desprendidos, moi imaxinativos, moi elaborados, tradicionais, reiterativos pero certeiros e tamén San Valentines que co paso do tempo e o costume desínflanse, San Valentines aos que lles dan o día libre, ou os que teñen que traballar todos os días do ano.

Para non faltar á verdade, hai que dicir tamén que os seus destinatarios resultan benevolentes e as boas intencións adoitan aliviar agasallos desacertados. Achegamos o podcast a esta información, igual atopas que ese agasallo do que se fala o fixeras ti; ou os bos recordos alleos serven de idea para o teu San Valentín.