Pontevedra respira tríatlon polos catro custados

Pontevedra
29 de abril 2019

O ITU Multisport Festival está presente estes días en cada recuncho da cidade, xa sexa cos adestramentos de deportistas na Illa das Esculturas, nas terrazas dos bares ou nas rúas do centro, e aínda restan por competir máis de 2.600 deportistas máis ata o vindeiro sábado 4 de maio

Adestramento de triatletas do ITU Multisport Xan Xiadas

O ITU Multisport Festival está presente estes días en cada recuncho de Pontevedra. Dá igual por onde se vaia. Terrazas de bares cheas de visitantes ataviados coas súas camisetas dos mundiais ou dos seus respectivos países, turistas paseando polas diferentes rúas e achegándose aos lugares máis emblemáticos ou deportistas afinando a súa preparación para a competición.

Toda a cidade vive o tríatlon, e o que queda. A pesar de que o dúatlon, encargado de abrir fogo, era a modalidade con maior participación prevista, con 1.280 deportistas inscritos, aínda queda unha multitude de atletas non só por competir, senón mesmo por chegar á cidade no caso das últimas disciplinas previstas.

Así, ata a fin de semana irán aterrando na Boa Vila máis de 2.600 deportistas, cos seus respectivos acompañantes, para tomar parte nos mundiais de tríatlon cros (martes, 541 inscritos), acuatlón (xoves, 780 inscritos), tríatlon de longa distancia (sábado 4 de maio, 899 participantes) e aquabike (sábado, 461 deportistas).

Especialmente intensa é a actividade nos arredores da Illa das Esculturas, onde este mesmo luns a pesar de non haber competición podía verse a moitos atletas adestrar a pé, en bicicleta e tamén nadando no río baixo a atenta vixilancia dos dispositivos de seguridade que compoñen o ITU Multisport.

Esa actividade tamén é visible cada día ao longo da estrada N-550 en dirección Barro, ao formar parte do circuíto ciclista do tríatlon de longa distancia.

Todo iso sen esquecer a Praza de España e os seus concertos ou a carpa instalada na Avenida Montero Ríos e que serve de benvida aos deportistas.