Xa están aquí as Festas de Verán de Pontevedra. O goberno municipal presentou este luns o "amplísimo" programa de actividades que, segundo apuntou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, inclúe preto de catrocentas actividades en xullo, agosto e setembro.
"Este será o verán que non para", sinalou Fernández Lores, para quen unhas festas como estas, con todas as súas actividades gratuítas e que se celebran no espazo público, "son moi difícil de facer se non son en Pontevedra" pola implicación da cidadanía.
Nestas Festas de Verán colaborarán unha trintena de empresas de Pontevedra e haberá máis de dous mil persoas traballando durante todo o verán para que todas as súas actividades poidan desenvolverse de maneira adecuada.
O programa cultural e festivo que haberá este ano en Pontevedra é "variadísimo", segundo o rexedor pontevedrés, "e atende a todos os gustos". Ademais, estará "descentralizado", ao haber actividades lúdicas en todos os barrios da cidade.
O alcalde asegurou estar "moi satisfeito" coa programación das Festas de Verán e "encantado" con todas as persoas colaboradoras que contribuirán a Pontevedra "estea petada" durante os tres meses de verán.
Tras a Festa dos Libros e o Senda Fest, que se celebraron esta pasada fin de semana, a actividade festiva en Pontevedra continuará co ciclo Cinema e Estrelas (9 ao 13 de xullo), a romaría de San Bieito (11 de xullo) ou o Memorial Ricardo Portela (12 ao 14 de xullo).
Titirivedra (15 ao 21 de xullo) e Itineranta (17 ao 19 de xullo) tomarán a remuda, tras os cales se celebrarán as Festas de Santiaguiño do Burgo (22 ao 28 de xullo), os Concertos Feroz (27 e 28 de xullo) ou as Xornadas Musicais de San Roque (29 de xullo ao 2 de agosto).
Agosto comezará co Animatrón (30 de xullo ao 2 de agosto), xunto a Con voz de muller (31 de xullo ao 4 de agosto), o Festixeve (1 ao 4 de agosto), o Festival de Jazz e Blues de Pontevedra (5 ao 9 de agosto), Urbana Monte Porreiro (6 e 7 de agosto) ou Aquí Cántase (9 de agosto).
As Festas da Peregrina (10 ao 19 de agosto) traerá a Pontevedra, entre outros, a El Drogas, Delaossa, Caamaño & Ameixeiras, Nil Moliner, Shinova, Mondra, Óscar Ibáñez & Tribo, Fillas de Cassandra, Pimpinela ou Anxo Araújo. Haberá ademais un concerto sorpresa (12 de agosto).
As actividades das Festas de Verán completaranse coa Festa do Demo (23 de agosto), a feira Chalana (17 de xullo ao 4 de agosto) ou a Meleira, a Feira do Mel (14 ao 17 de agosto).
A Feira Franca (6 e 7 de setembro) poñerá o broche de ouro a esta programación.