Pontevedra Alternativa propón a creación dun bono especial en saúde mental para familias

Pontevedra
23 de maio 2023

Pontevedra Alternativa (POAL) propón a creación dunha Escola de Familias, cuxo obxectivo principal é ofrecer cursos, charlas e actividades para tratar diferentes problemas aos que se enfrontan e ofrecer solucións

Candidatura de Pontevedra Alternativa (POAL) na Praza de San Xosé Cristina Saiz

Pontevedra Alternativa (POAL) propón a creación dunha Escola de Familias, cuxo obxectivo principal é ofrecer cursos, charlas e actividades para tratar diferentes problemas aos que se enfrontan e ofrecer solucións.

O candidato Carlos Fontán afirmou que "un dos principais problemas a día de hoxe é a saúde mental dos pequenos". Por iso, o programa electoral de Pontevedra Alternativa inclúe a "creación dun bono especial para familias con poucos recursos no que se ofrezan un número determinado de sesións gratuítas con psicólogos privados da cidade".

Asegura o candidato de POAL que "esta medida é de vital importancia xa que, actualmente, a saturación da sanidade pública respecto á saúde mental provoca longas listas de espera entre os pacientes que necesitan un tratamento urxente, sobre todo, na poboación máis nova". 

"A saúde mental debería ser un dereito, non un privilexio", indica Carlos Fontán.

Outra das propostas de Pontevedra Alternativa nesta materia é crear unha liña de subvencións directas a familias do alumnado de centros docentes públicos e concertados. Estas axudas servirán para mellorar a conciliación familiar e para paliar, en medida do posible, os gastos requiridos durante o curso escolar.

Tamén propón unha actualización da Área de Educación da páxina web do Concello de Pontevedra con recursos actividades, xogos e cursos de formación.