O director de operacións da Federación Internacional de Tríatlon (ITU), o grego Thanos Nikopoulos, agradeceu este xoves a acollida que a cidade brindou aos mundiais de tríatlon.
"Estamos emocionados por estar en Pontevedra", sinalou antes de declararse "honrado" polo "apoio extraordinario que recibiu o evento en toda a cidade".
Nikopoulos compareceu acompañado de Jorge García, director de competicións da Federación Española, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e o triatleta Pablo Dapena.
Desde a ITU aseguran ademais que "estamos seguros que vai ser un excelente Multisport Festival".
Tanto é así que o director de operacións da Federación Internacional, que xa estivo en Pontevedra hai anos pola disputa do Campionato de Europa de Tríatlon, cre que "Pontevedra vai marcar un punto de inflexión na organización do Multisport", converténdose en referencia para as cidades que acollan o evento no futuro.
Thanos Nikopoulos encomiou tamén o estilo de vida da Boa Vila, á que cualificou de "exemplo de sustentabilidade".