É un dos nomes a seguir durante o ITU Multisport Festival, como pontevedrés e como vixente campión do Mundo de tríatlon de longa distancia, título que defenderá o próximo 4 de maio na casa. Por iso Pablo Dapena sentou este xoves ante os medios de comunicación xunto ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e representantes da Federación Internacional e Española de tríatlon, nunha rolda de prensa previa ao inminente inicio do evento.
Na comparecencia Dapena repasou as súas sensacións previas á carreira, para a que "levo adestrando desde novembro", asegura.
Aínda que explica que se atopa en boas condicións, si recoñeceu con humor pasar por unha pequena baixada nos últimos días. "Se che son sincero o domingo fixen unha cafrada e o luns e o martes ía bastante arrastrado, pero onte e hoxe bastante mellor" revelou. En todo caso "o traballo está case feito", polo que confiou en poder estar a bo nivel ante os seus paisanos.
Precisamente competir na casa é algo que lle motiva especialmente, e por iso quixo agradecer todo o apoio recibido. "Pódome permitir o luxo de dicir que tanto Javi, Saleta coma min sentímonos plenamente apoiados pola cidade", defendeu o triatleta pontevedrés.
En canto á súa carreira, o tríatlon de longa distancia, na que se realizaron pequenos cambios do mesmo xeito que no dúatlon no sector ciclista para evitar unha zona de curvas preto do Pontillón do Castro, cos perigos que podía supoñer, Dapena asegurou que se trata de "un cambio positivo porque así o circuíto o plenamente limpo, sen risco".
Agora o actual campión do mundo conta as horas para a competición, e cos adestramentos xa realizados revelou cal será o seu plan nos próximos días. "Apagar o móbil que estes días está frenético e poñerse un pouco de Netflix para descansar", ademais de tentar gozar do resto de ITU Multisport Festival.