Os campionatos do Mundo ITU Multisport de Pontevedra chegan este sábado 4 de maio ao seu final, pero fano coa proba máis esperada polos afeccionados, o Mundial de tríatlon de longa distancia.
Javi Gómez Noya e Pablo Dapena aspiran ao ouro na categoría masculina, mentres que Saleta Castro busca o que sería un fantástico Top-10 na proba feminina.
Máis aló da polémica pola máis que posible redución da natación, que pasaría a ser de 1.500 metros en lugar de 3.000, os 900 participantes entre as categorías de elite e os grupos de idade afrontarán 106 quilómetros de ciclismo sen posibilidade de ir a roda e 30 quilómetros de carreira a pé que transcorrerán por pleno centro urbano para maior espectacularidade.
O defensor do título en Pontevedra é unha das figuras locais, un Pablo Dapena que prevé como "determinante" o sector ciclista, onde "si te pasas un poco lo puedes pasar mal". O pontevedrés asegura que "no llego mal" á cita, aínda que cede algo de presión e protagonismo ao seu amigo e compañeiro de adestramentos, Javi Gómez Noya, que é quen "tiene el palmarés", defendeu entre un gran ambiente deportivo na rolda de prensa previa á carreira.
Pola súa banda o cinco veces campión do mundo en modalidade olímpica explicou que "creo que me he recuperado bien" do esforzo realizado a pasada fin de semana nas Series Mundiais de Bermuda, polo que "voy a salir a dar lo mejor como siempre" a pesar de non preparar esta competición especificamente.
O que si quixo sinalar Gómez Noya é que "ver este ambientazo en Pontevedra es espectacular", sendo algo que motiva a todos os representantes locais.
Así se expresou tamén a máxima figura pontevedresa en categoría feminina, Saleta Castro, ao tratarse de "un campeonato que he preparado con muchísima ilusión" e ao que "llego en buen estado de forma".
Na proba elite masculina, con saída ás 8:00 horas desde a contorna da ponte dos Tirantes, aparecen ademais do dúo galaico, algúns outros favoritos entre a liña de saída como o suízo Ruedi Wild, o belga Diego Van Looy, o bielorruso Aliakdsanr Vasilevich, o danés Kristian Hogenhayg ou o neozelandés Terenzo Bozzone, sen esquecer ao resto do equipo nacional que encabeza o tudense Gustavo Rodríguez xunto a Albert Moreno, Ander Irigoien e Ander Okamika.
Pola súa banda en categoría feminina ademais de Saleta Castro e Gurutze Frades, que estivo tamén presente na rolda de prensa, compoñen o equipo español Anna Noguera, María Pujol e Judith Corachán, sendo algunhas das favoritas ao título mundial a danesa Maja Stage Nielsen, a sueca Asa Lundström, a danesa Camila Pedersen, a belga Alexandra Tondeur, as portuguesas Ana Filipa Santos e Vanessa Pereira ou a suíza Emma Bilham.
Paralelamente ao Tríatlon de Longa Distancia, tamén se celebra o Mundial de Aquabike con preto de 500 participantes, unha modalidade de recente creación e que conta tamén con 3.000 metros de natación para concluír con 106 quilómetros de ciclismo, sen carreira a pé.