Os candidatos do PSOE á alcaldía de Pontevedra e Campo Lameiro prometen unha rede conxunta de sendas fluviais

Pontevedra
19 de maio 2023

Iván Puentes e Adrián Vidal percorreron o paseo do Lérez ata Bora para anunciar a súa intención de crear un itinerario peonil e ciclista desde Campo Lameiro ata Combarro rodeando o curso do Lérez e a súa desembocadura

Os candidatos do PSOE ás alcaldías de Pontevedra e Campo Lameiro, Iván Puentes e Daniel Vidal PSOE de Pontevedra

Os socialistas de Pontevedra e Campo Lameiro impulsarán un proxecto conxunto que fará realidade a conexión peonil de ambos os municipios a través dunha rede de sendas fluviais que lle dará continuidade ao itinerario verde que discorre polo río Lérez e finaliza na parroquia de Bora. Unha rede que, en sintonía co plan deseñado para realizar unha conexión peonil e ciclista con Poio, permitirá unir Combarro, Bora e Campo Lameiro a través dunha rede comarcal chamada a converterse en referente do turismo e a economía verde e sostible.

Así o anunciaron este venres os candidatos do PSdeG ás alcaldías de Pontevedra e Campo Lameiro, Iván Puentes e Adrián Vidal, tras protagonizar un paseo polo último treito da senda fluvial do Lérez, ata o entronque co río Almofrei. En palabras de Puentes, trátase dunha proposta totalmente factible que serve para conectar todo o litoral e crear unha ampla rede de sendas “sen barreiras, dificultades e inconvenientes” para os veciños e veciñas. 

Tal e como subliñou Puentes, “os candidatos socialistas á Alcaldía de toda a comarca de Pontevedra temos a vontade de apostar polo desenvolvemento sostible, polo medio ambiente e a xeración de zonas verdes e novos espazos de lecer para os veciños e veciñas pero tamén de novos recursos turísticos vinculados á sostibilidade e á economía verde; recursos que nos permitan atraer a máis visitantes á vez que creamos unha importante actividade económica para a comarca vinculados ao turismo verde e sostible”.

O cabeza de lista do PSOE pontevedrés lembrou neste senso que “hai uns días presentabamos a conexión peonil e ciclista do Concello de Pontevedra con Poio para darlle continuidade á senda do río Lérez na súa cara norte, concretamente ata Combarro. Esta conexión volvería posteriormente de novo pola costa creando unha senda peonil que conecte Bora, o extremo máis leste de Pontevedra, con Combarro en Poio”. Puentes mencionou que o Concello de Pontevedra xa conta con fondos europeos concedidos a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, “concretamente 400.000 euros para levar a cabo estas sendas que conecten o centro urbano da cidade cos bosques perimetrais e concellos limítrofes”, un investimento “que fai posible levar a cabo esta extensión”. 

Nesta mesma dirección, tamén sinalou que “cando o candidato Adrián Vidal sexa elixido como alcalde de Campo Lameiro”, os socialistas levarán a cabo o proxecto presentado hoxe, “poñendo aínda máis en valor o río Lérez, un dos enclaves máis fermosos e con máis valor turístico de Pontevedra e da súa comarca”. Iván Puentes tamén fixo fincapé en que xa se levaron a cabo outras actuacións similares durante o seu mandato como concelleiro de Desenvolvemento Sostible, como a construción dunha pasarela metálica duns 20 metros baixo a ponte da estrada N-541 sobre o río Almofrei, ao seu paso pola parroquia de Bora.

Pola súa parte, Adrián Vidal puxo en valor a importancia deste proxecto para a vila “ante a falta de iniciativas, a ausencia de inversión e a inexistente xestión dos fondos europeos levada a cabo ata agora por parte do propio Concello”, actualmente gobernado polo PP. Vidal comprometeuse a facer desta senda “unha realidade a partir do 28 de maio”, un obxectivo que se conseguirá tendendo 'Puentes' cos socialistas de Pontevedra.