Pechado o capítulo do dúatlon, cunha multitudinaria xornada de sábado e as probas da mañá do domingo, o ITU Multisport de Pontevedra segue adiante este martes cun novo campionato do Mundo.
Toman a testemuña os mundiais de tríatlon cros nas diferentes categorías, unha especialidade que combina as tres disciplinas tradicionais do tríatlon (natación, ciclismo e carreira a pé) pero coa particularidade de que o ciclismo se desenvolve en montaña (BTT).
Ata 541 deportistas competirán nas probas programadas para a xornada, que cambia de zona de saída e meta para facilitar o tráfico pasando a estar situadas nas inmediacións de Tafisa.
Está previsto que abra fogo a carreira júnior masculina (13:30 horas) seguida da feminina (13:35 horas) e paratríatlon (13:40), coas carreiras elite masculina ás 15:30 horas e feminina ás 15:35 e os grupos de idade desde as 15:45 horas.
No que respecta a cítaa elite, o equipo español tentará defender o título logrado o pasado ano por Rubén Ruzafa. A primeiro espada do equipo nacional, catro veces campión mundial da especialidade, recoñece con todo que "no llego tan bien como otros años por una lesión en la mano", forzando a súa preparación para poder estar en Pontevedra ao facerlle "mucha ilusión" competir na casa, asegurou na rolda de prensa previa celebrada este luns no CGTD xunto á tamén española Laura Gómez, subcampioa europea en Eivissa hai uns meses, e a australiana Leela Hancox.
Gómez pola súa banda explicou que "desde que conseguí la medalla de plata en Ibiza éste ha sido mi objetivo principal".
Os tres deportistas fixaron como unha das claves pasar o mellor posible osector de 1.000 metros de natación ante a baixa temperatura da auga. Logo virán 30 quilómetros de ciclismo BTT con "un circuito técnico y bastante duro", sinalou a representante da Selección Española, que subirá desde a Illa das Esculturas ata a zona do Pontillón do Castro antes de concluír coa carreira a pé de 7 quilómetros cara a Monte Porreiro e volta á ponte dos Tirantes, onde estará situada a meta.
Serán unhas carreiras, sinalou Ruzafa que garanten emoción e "no se decidirán hasta el final", prognostica no seu caso sinalando como principais rivais a deportistas de Estados Unidos, Costa Rica ou Francia.