A recta final da campaña electoral para as eleccións municipais do 26 de maio colle á candidatura do PSOE "con moito ánimo e moita ilusión" e o estado de ánimo estase a notar no ton adoptado. Este martes tiraron dun novo elemento ao que dará protagonismo nos próximos días, a 'vesTino', e tamén de doses de ironía.
Unha lousa acompañou a mesa informativa instalada polos socialistas na praza da Peregrina coa mensaxe: "Non temos café nin cómics, só ideas para Pontevedra. Colle o teu programa", en clara alusión aos cómic 'Lorix' editados polo BNG e á 'Rafaneta' coa que o PP está a percorrer a cidade repartindo cafés.
O número 1 da candidatura, Tino Fernández, non dubidou en sumarse ao ton distendido que está a dominar a campaña e animouse a subirse á 'vesTino', unha moto vespino propiedade do número 13 de candidatura, Héctor Santaló, que a partir deste martes empezarán a utilizar nos percorridos polo municipio para repartir propaganda electoral.
Fernández non é condutor habitual de vehículos de dúas rodas, pero si se subiu a ela e ten previsto facelo estes días. Iso si, este martes non o fixo como condutor, senón que os mandos colleunos a número 2 da candidatura, Yoya Blanco. A 'vesTino' chamou a atención de todas as persoas que se achegaron á mesa informativa e moitos animáronse a retratarse con ela. Segundo o alcaldable, "está tendo un éxito extraordinario".
Os socialistas quixeron animar estes días para mitigar, en certo modo, o cansanzo de dúas campañas seguidas e tamén para chegar a unha cidadanía que xa está cansa de como está a ser esta época, na que, segundo Tino Fernández, "hai partidos políticos que están mandando mensaxes moi negativas" e hai "moita crítica e poucas propostas".
En relación con esta circunstancia, o alcaldable socialista valora que non está mal criticar as políticas doutros partidos e que el tamén o fai, pero que é necesario centrarse nas propostas. No seu caso, este martes quixo insistir nunha das súas ideas en materia social.
Segundo explicou, a posta en marcha dun Programa de Vivendas de Alugueiro Social e de Xestión do Parque Inmobiliario, un dos eixos das políticas coas que o PSOE pretende contrarrestar "os grandes cambios sociais e turísticos que afectaron directamente ao mercado da vivenda libre na nosa cidade".
Entre os obxectivos do partido que lidera Tino Fernández inclúese o de pechar un convenio coas entidades financieiras e a Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) para destinar a alugueiro social as vivendas baleiras existentes en Pontevedra.
Os socialistas tamén impulsarán fórmulas como o 'cohousing'e o cooperativismo, de xeito que se poida "favorecer coa concesión de terreos municipais a cooperativas que pretendan desenvolver a construción de inmobles en réxime de concorrencia competitiva".
Outras das medidas que propón en materia de políticas de vivenda durante o vindeiro mandato será a creación dunha ordenanza municipal que regule as condicións de uso dos apartamentos turísticos en Pontevedra. Segundo constata Tino Fernández, a elaboración desta normativa terá un carácter prioritario e irá precedida de un estudo previo da lexislación fiscal aplicable neste eido.
'COMANDOS DE TRABALLADORES DE ENCE'
Tino Fernández tamén denunciou este martes que a campaña de "acoso, intimidación e escraches" que considera que está incitada por algúns sectores sindicais de Ence contra o PSOE segue sen darlles un respiro. Nas últimas semanas xa viviron como lles rompían os vidros da sede cun martelo e como facían pintadas ameazantes na porta de entrada e nas paredes da mesma e insultaban ao alcaldable e esta madrugada volveron rexistrar incidentes. En concreto, atacaron carteis e pancartas socialistas.
O candidato socialista atribúe o sucedido a "comandos" de empregados, un importante grupo de dunhas 30 persoas que se adicouse a esnaquizar os carteis, a cOrtar as bridas que sostiñan as pancartas e a queimalas en diversas rúas e estradas de Pontevedra. Segundo sinala, os autores, aos que chama 'hooligans' e intolerantes, tamén pegaron por enriba dos seus carteis outros coas xa coñecidas mensaxes de 'O voto obreiro vaite desauciar (sic)' e 'PSOE=Paro'. A el tamén o atacan directamente coa mensaxe: 'Tino, de sindicalista liberado a cacique declarado'.