O PSOE reivindica a 'nova Deputación': "O arcoiris non lle pertence a ninguén e as institucións perténcenlle ao pobo"

Pontevedra
13 de maio 2019

A campaña do PSOE de cara ás eleccións do próximo 26 de maio quixo centrarse este luns no que, para Tino Fernández foi "o feito máis relevante do que sucedeu nas eleccións municipais de hai catro anos", o fito histórico de que a Deputación pasase a estar presidida por Carmela Silva 

Tino Fernández e Carmela Silva fan balance dos catro anos da 'nova Deputación' na Casa da Luz Mónica Patxot

A campaña do PSOE de cara ás eleccións do próximo 26 de maio quixo centrarse este luns no que, para o seu candidato por Pontevedra, Tino Fernández, foi "o feito máis relevante do que sucedeu nas eleccións municipais de hai catro anos", o fito histórico de que a Deputación Provincial pasase a estar gobernada polos socialistas e tivese á cabeza a Carmela Silva. 

Para sacar peito dese logro e do que supuxo a nova política pensada para as persoas posta en marcha na institución provincial, Tino Fernández e Carmela Silva compareceron xuntos na Casa da Luz ante un grupo de simpatizantes socialistas. 

A presidenta provincial contrapuxo o traballo da 'nova Deputación' durante os catro últimos anos, nos que "non fixemos nin máis nin menos que seguir os principios básicos da democracia" co que acontecía antes da súa chegada, cunha institución provincial gobernada polo PP na que se seguía unha política "antiga, clientelar e caciquil". 

Carmela Silva explicouno gráficamente usando como exemplo a cor da roupa que levaba posta, pois vestía un traxe azul, cor que adoita relacionarse co PP. "Hai xente que cre que lle pertence unha cor, hai xente que cre que ata lle pertence o arcoiris" e son as mesmas persoas que "cando gobernan unha administración, esa administración convértense no seu patrimonio".

Fronte a esas persoas e políticos, presumiu de que "o que nós facemos é xestionar os recursos porque o arcoiris non lle pertence ás persoas e as institucións pertencen ao pobo" e, como mostra desa nova forma de facer política puxo o Plan Concellos da Deputación, que reparte os recursos "de maneira equilibrada e xusta".

Nesta mesma liña expresouse Tino Fernández, que destacou que, coa chegada de Carmela Silva e do goberno bipartito PSOE-BNG, a Deputación "abriuse, fíxose transparente, participativa" e pasou "dun mundo escuro á absoluta transparencia" propiciando que cada concello "reciba o que lle corresponde, non en función de quen o goberne" e non como sucedía cos gobernos provinciais do PP, nos que se facía "un reparto de fondos escasamente transparente". 

O alcaldable socialista por Pontevedra destacou que a Deputación dos últimos catro anos seguiu as señas de identidade do PSOE, "equidade e igualdade", e fixo especial fincapé en que pasou a ser unha institución feminista. Neste senso, Carmela Silva destacou que o seu primeiro acto como presidenta foi con mulleres para poñer sobre a mesa que non era suficiente que unha muller chegara á Presidencia, senón que todas as mulleres teñen que facerse visibles. 

Na súa opinión, unha das anomalías do anterior goberno provincial foi que, á súa chegada, a Deputación non tiñan nin Plan de Igualdade.  

Entre os logros que foron posibles no municipio de Pontevedra grazas a esa nova Deputación, destacaron a construción de dous novos centros sociais no Burgo e nos Campos; o saneamento nas parroquias de Mourente e Bora e no río dos Gafos; a mellora de novos vieiros de acceso en Monte Porreiro, Marcón e outras estradas municipais; o inicio dos proxectos dos novos campos de fútbol nas parroquias de Campañó e Ponte Sampaio; ou a implicación da Deputación en tres grandes eventos deportivos: o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón, o Multisport Triatlón 2019 ou o Mundial de Balonmán Junior, que terá lugar este mes de xuño, entre outros.

A xornada foi atarefada para o candidato socialista por Pontevedra, que xa pola mañá levara a súa campaña á zona do Gorgullón e Eduardo Pondal para repartir o seu programa electoral entre toda a veciñanza dese barrio.