O PPdeG pide o voto para o "partido que traballa, que é eficaz e que non promete nada que non poida cumprir"

Pontevedra
11 de febreiro 2024

Alfonso Rueda ofreceu un mitin na Estrada apelando tamén ao voto popular para que "o resto de españois sigan tendo en Galicia un espello onde mirarse desde o respecto e a admiración"

O candidato popular Alfonso Rueda no acto público ofrecido na Estrada PPdeG

"O partido que traballa, que é eficaz e que non promete nada que non poida cumprir". Con esta presentación do PPdeG, o candidato para revalidar a titularidade da Xunta, Alfonso Rueda, pedía o voto aos asistentes que acudían este domingo 11 ao mitin ofrecido na localidade pontevedresa da Estrada. Un voto, engadía, que servirá para continuar facendo a vida máis fácil a todos os galegos e para que "o resto de españois sigan tendo en Galicia un espello onde mirarse desde o respecto e a admiración".

Fronte ao que fan e representan os populares galegos, Rueda seguiu reclamando a papeleta do PPdeG o 18F para "non converternos nunha sucursal da lea, nin nun reflexo dos peores vicios que se están instalando na política nacional"; para evitar a "política de egos", ou aos "sectarios e intolerantes de sempre".

O presidente do PPdeG dixo que o seu partido "non fala tanto de ideoloxía como a esquerda" porque prefiren falar do importante: "o que propoñemos e o que faremos para que a xente viva aínda mellor en Galicia".

Volvendo referirse aos seus rivais nas urnas engadía que "mentres outros seguen co mesmo de sempre, nós sabemos o que é gobernar coa confianza dos galegos e temos a ambición e o inconformismo que se precisan para continuar facendo que Galicia funcione". 

Neste acto público tamén participaron o presidente provincial do partido, Luis López; María Martínez, integrante da candidatura pola provincia de Pontevedra e o alcalde da Estrada, José López Campos.

Arquivado en